Werner Goldberg, nado o 3 de outubro de 1919 e finado o 28 de setembro de 2004, foi un soldado alemán de ascendencia xudía, ou mischling na terminoloxía Nazi, que serviu brevemente como soldado durante a segunda guerra mundial e cuxa imaxe apareceu nun xornal alemán como "o soldado ideal alemán".
Biografía
O seu pai criouse en Königsberg como membro da comunidade xudía, pero foi bautizado na igrexa Luterana local xa que quería ser asimilado, casando cunha cristiá.[1] Despois de que Hitler chegou a ser Chanceler de Alemaña e a proclama en abril de 1933 da Lei para a Restauración do Servizo Civil Profesional, que expulsaba os xudeus do servizo público alemán e formaba parte do chamado párrafo ario (alemán: Arierparagraph), o Sr. Goldberg perdeu o seu posto de traballo.
Werner deixou a escola en 1935 e tornouse aprendiz de Schneller und Schmeider, unha empresa de roupa propiedade dun xudeu e dun non-xudeu, onde moitos dos seus compañeiros eran xudeus ou mischlinge. O tío materno de Werner era un oportunista que se xuntou ao partido nazi e se negou a ser visto coa familia Goldberg, incluíndo a nai de Werner.
A principios de 1938, Werner cumpriu unha pena de seis meses no Servizo do Labor do Reich, cuxo uniforme, como Werner recordou máis tarde, «tiña unha esvástica nunha pulseira». O 1 de decembro de 1938 Werner entrou no exército alemán, participando na invasión de Polonia o 1 de setembro de 1939. Estivo servindo ao lado do seu amigo da infancia Karl Wolf, cuxo pai era un alto rango das SS.
Pouco despois do inicio da guerra, a fotografía de Werner apareceu na edición do domingo no xornal alemán Berliner Tageblatt co título "O soldado ideal alemán ". A imaxe fora vendida para a prensa polo fotógrafo oficial do exército. Máis tarde, foi utilizada en carteis de recrutamento.
En 1940, tras o armisticio con Francia, Werner foi expulsado do exército de Hitler o 8 de abril de 1940, que declarou que todos os mischlinge debían ser expulsados das forzas armadas. Volveu ao seu antigo lugar de traballo en Scheneller, que mudara o seu nome ao de Feodor Schmeider, despois de ser obrigado a abandonar o apelido xudeu. Werner foi desenvolvendo un papel cada vez de máis responsabilidade dentro da empresa, obtendo contratos para os uniformes do Exército e da Mariña. Tamén participou no Consello Escolar do Reich (Reichsaussschuss für Arbeitsstudie, RAFA), onde foi un dos catro de cada oitenta estudantes que aprobaron o exame para converterse nun profesor da RAFA. Tornouse así en profesor de Estudos Laborais sobre o negocio da roupa, dando conferencias para as organizacións e executivos de empresas, incluíndo a publicación dun artigo no semanario comercial Textilwoche.
En decembro de 1942, o pai de Werner foi internado no Hospital da Baviera. Aínda así, a Gestapo tomou o control do hospital e enviouno para un hospital xudeu que fora incautado pola Gestapo para o seu uso como cárcere, desde o que os xudeus eran enviados a Auschwitz. Na véspera de Nadal, mentres os gardas estaban ebrios xogando a xogos de azar, Werner levou o seu pai de volta ao hospital. Porén, Goldberg caeu de novo nas mans da Gestapo en abril de 1943 e foi proposto para a deportación, pero salvouse de novo ao seguir o consello do seu fillo e non presentarse perante as autoridades. Pai e fillo foron os únicos membros da familia Werner que sobreviviron á guerra.
Werner Goldberg participou no documental de 2006 titulado Os soldados xudeos de Hitler (Hitler's Jewish Soldiers – Nazi-Jews in Hitler's Army), película de 58 minutos producido por Larry Price en asociación coa Autoridade de Radiodifusión de Israel.[2]
Werner Goldberg apareceu nun episodio da serie de televisión "Colaboradores nazis", estreada no Reino Unido en decembro de 2010.[3]
Notas
Véxase tamén
Bibliografía