Voo 742 de Viasa

Voo 742 de Viasa
Un DC-9 semellante ao do accidente
Resumo
Data  16 de marzo de 1969
Causa  sensores de temperatura da
pista defectuosos, e
erro do piloto debido a
información errónea
Lugar  Maracaibo
Coordenadas 
Orixe  aeroporto Simón Bolívar
Destino  aeroporto de Miami
Finados  155
Aeronave
Tipo de aeronave McDonnell Douglas DC-9-32
Operador  Viasa
Rexistro  YV-C-AVD
Pasaxeiros  74
Tripulación  10
Superviventes  0

O voo 742 de Viasa era un voo regular internacional dende Caracas ata Miami cunha escala en Maracaibo. O 16 de marzo de 1969 o DC-9-30 que operaba a ruta golpeou varias liñas eléctricas tras engalar e esnafrouse contra o distrito de La Trinidad de Maracaibo. As 84 persoas a bordo morreron, xunto con 71 en terra.

A causa do accidente atribuíuse a sensores defectuosos na pista e cálculos para a engalaxe feitos con información errónea, que fixeron que o avión estivese sobrecargado en máis de 5 000 libras[1] para as condicións do momento. Só dous días despois do accidente o ministro de traballo venezolano atribuíu a lonxitude da pista como un factor que axudou ao desastre.

Cando o DC-9 se encaraba cara Ziruma non conseguiu gañar altitude, e o motor esquerdo do avión golpeou contra un pau da luz. Cando o aparello se inclinou cara a esquerda un reflector impactou contra o tanque de combustible abríndoo. Tras golpear outro pau da luz a á esquerda desprendeuse do avión e o motor esquerdo estoupou incendiándose. O avión esnafrouse nun pequeno parque en La Trinidad. O impacto foi tan forte que o motor dereito separouse do aparello e impactou contra unha casa.

O voo 742 foi a primeira perda dun DC-9-30 e segue sendo o peor accidente dese modelo. Tamén foi o peor accidente en Venezuela ata o voo 708 de West Caribbean Airways 36 anos despois. Na época foi o accidente aéreo civil con máis mortes.[2] O número de vítimas foi superado en 1971 polo voo 58 de All Nippon, onde morreron 162 persoas tras colidir contras un caza F-86.

Unha das persoas que morreu no accidente do voo 742 de Viasa foi o xogador dos San Francisco Giants Néstor Chávez.

Avión

O DC-9 accidentado estaba alugado a Avensa e só levaba un mes en servizo. Fora construído tres meses antes do accidente e estaba equipado con dous motores turboventilador Pratt & Whitney JT8D-7.[3][4][5]

Notas

  1. "Crashed plane said overloaded". Daytona Beach Mourning Journal. Consultado o 2018-12-10. 
  2. "DISASTERS: The Worst Ever". Time (en inglés). 1971-08-09. ISSN 0040-781X. Consultado o 2018-12-10. 
  3. "YV-C-AVD VIASA - Venezolana Internacional de Aviacion McDonnell Douglas DC-9-30". www.planespotters.net (en inglés). Consultado o 2021-11-25. 
  4. Ranter, Harro. "ASN Aircraft accident McDonnell Douglas DC-9-32 YV-C-AVD Maracaibo". www.aviation-safety.net. Arquivado dende o orixinal o 10 de decembro de 2018. Consultado o 2018-12-10. 
  5. "Registration Details For YV-C-AVD (VIASA - Venezolana Internacional de Aviacion) DC-9-32 - PlaneLogger". www.planelogger.com. Consultado o 2021-11-25.