O voo 371 de TAROM era un servizo regular de pasaxeiros, operado cun Airbus A310, entre o aeroporto de Otopeni en Bucarest e o aeroporto de Bruxelas. O día 31 de marzo de 1995 o Airbus A310-324, con rexistro YR-LCC, que realizaba a ruta entrou en picado tras engalar e esnafrouse preto de Balotești en Romanía. As 60 persoas a bordo do avión morreron no accidente.[1]
A investigación do accidente revelou que o acelerador automático defectuoso reduciu o pulo do motor esquerdo e púxoo ao ralentí durante o ascenso. Mentres isto ocorría o capitán quedou incapacitado,[2][3] deixando ao primeiro oficial abrumado e incapaz de responder eficazmente ao erro. Trátase o peor accidente aéreo na historia de Romanía,[4][5] e tamén o peor de TAROM.[6]
Avión
O avión accidentado era un Airbus A310-324 con rexistro YR-LCC e bautizado Muntenia por unha das rexións históricas de Romanía. O número de serie do fabricante (MSN) era 450, e o aparello voara por vez primeira en 1987. Inicialmente entregouse a Pan American World Airways en agosto dese ano co rexistro N814PA e o nome Clipper Liberty Bell. Tras a bancarrota de Pan Am en 1991 o avión pasou a mans de Delta Air Lines co mesmo rexistro. TAROM mercou o avión que se lle foi entregado en abril de 1994, pasando a rexistrarse YR-LCC. Tiña dous motores turboventilador Pratt & Whitney PW4152 e acumulaba 31 092 horas de voo e 6 216 ciclos. O seu certificado de aeronavegabilidade fora expedido o 13 de abril de 1994.[2][7]
Notas