María Victoria Otero Espinar, nada en Lugo en 1962, é unha matemática galega, profesora e investigadora na Universidade de Santiago de Compostela.
Traxectoria
Licenciada en Matemáticas pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), Otero completou a súa formación investigando en centros de Estados Unidos e de Francia. En 1992, finalizou o seu doutoramento sobre sistemas dinámicos discretos na USC baixo a supervisión de Charles Tresser (Universidade de Niza Sophia Antipolis e Centro de Investigación IBM en Nova York) e do catedrático Fernando Costal Pereira.[1]
Traballa na USC como profesora do Departamento de Estatística, Análise Matemática e Optimización, e é membro do Consello Científico do Instituto de Matemáticas da USC. Ademais, foi Vicerreitora de Titulacións desde desde 2018 até marzo de 2020.[2][3][4] Participou en máis de vinte proxectos de I+D financiados en convocatorias públicas e é autora de máis de 40 artigos científicos en revistas incluídas na publicación especializada Journal Citation Reports (JCR).[5] Colabora con investigadores da USC e con especialistas internacionais como Ravi Agarwal (Florida Institute of Technology), Hyman Bass (Universidade de Columbia) ou Paul Glendinning (Cambridge University).
Victoria Otero foi decana da Facultade de Matemáticas da USC entre 2009 e 2017, un período moi frutífero para o centro .[6][7][8]
En paralelo á súa carreira académica, Otero preside a Comisión Profesional da Real Sociedade Matemática Española desde 2007, é membro do grupo de investigación "Ecuacións diferenciais non lineares", e foi presidenta da Conferencia de Decanos de Matemáticas entre 2016 e 2017.[9][10][11][12]
Recoñecementos
En 2015, as redaccións do Grupo Correo Galego recoñeceron unanimemente a traxectoria e o traballo de Otero á fronte da Facultade de Matemáticas da USC polo que ingresou no club Galegos do Ano.[7]
Notas