O verxebán[1] (Verbena officinalis) é unha herba perenne nativa do sueste de Europa. Tamén recibe o nome de orxabán, verbena e herba da cruz, entre outros.
Descrición
É unha planta herbácea perenne, de terreos ermos, que medra até os 100 cm ou máis de altura. O seu talo é erecto, obtuso, cuadrangular e moi ramificado, e está marcado por dous sucos lonxitudinais. As follas son opostas, pecioladas, rexas, pinnadas, lanceoladas e con lóbulos profundos. As flors son miúdas, de cor branca a azul púrpura ou lila clara, sesiles, e se agrupan en espigas paniculosas axilares e terminais. A corola ten forma de funil. O froito é unha cápsula con catro sementes. Florea de xuño a setembro. A raíz e mais as follas son amargas.
Distribución e hábitat
Medra de xeito espontáneo en Europa, Asia, África e tamén agora en América. Atópase en terreos ermos con certa humidade e nos bordos dos camiños. É subnitrófila.
Cultivo
Porpágase por semente ou raíces. Está amplamente naturalizada fóra do seu ámbito nativo.
Usos
Considérase vulneraria, detersiva, febrífuga e resolutiva; hoxe, porén, úsase pouco en medicina e non ten a celebridade dos antigos tempos.
Etnografía
O verxebán adóitase usar en Galiza coma unha das herbas de San Xoán, por ser medicinal e ser considerada na cultura galaica (e noutras, especialmente do oeste e norte de Europa) coma herba sacra e para afastar os maos espíritos.
Os druídas venerábana moito; antes de a apañar facían un sacrificio á terra; arrincábana de mañá cedo; na canícula facían aspersións de auga lustral para afastar os maos espíritos; tamén se servían da mesma planta para limparen os altares de Xúpiter.
Atribuíanselle moitas propiedades, entre outras, a de reconciliar os corazóns distraídos; con ela facíanse coroas,e a chamaban herba sacra, cinxíana na fronte os reis de armas, cando se lles mandaba ir anunciar a paz ou a guerra[2].
No nordés europeo foi tamén sinalada coma unha herba sacra, usada en rituais para limpar e defenderse contra doenzas do demo.
De acordo a William Faulkner na súa historia curta "An Odor of Verbena", a verbena ou verxebán é o única cheiro que pode ser ulido polos cabalos sen perderen o rastro.
Propiedades
Principios activos
Como herba medicinal utilízase a planta enteira enxugada, sobre todo a flor e en menor importancia a raíz. O principio activo do verxebán é un heterósido chamado verbenalósido que ten carácter estimulante do sistema nervioso parasimpático e por hidrólise produce verbenalol, verbenalina, verbenanina e hastatósido.
Sedativo: estimula o sistema parasimpaticomimético debido ao heterósido irioide, verbenalol reducindo a forza e frecuencia do latexo cardíaco e estimulando o peristalismo intestinal. Pola súa actividade sedativa utilízase para combater o insomnio provocado por estados de nerviosismo que non permiten conciliar o soño. Acaba coas xaquecas pola súa actividade antineurálxica e sedativa.
Neuroprotector: o extracto acuoso de Verbena officinialis amosou efectos neuroprotectores fronte á doenza do Alzheimer.[4]
Os extractos de verxebán poden presentar unha certa acción hipotiroidea (diminúen a actividade da tiroide) polo que poden bloquear a acción de determinadas hormonas. Está prohibido o seu uso en mulleres grávidas porque o verbenalósido (heterósido irioideo que se hidroliza en verbenalol) pode causar un efecto uterotónico e dificultar as contraccións características do paristallo.
Doses elevadas de verbenalina provocan a parálise do sistema nervioso central, o que causa a aparición de estupor e convulsións.
Taxonomía
Nome común:o nome verxebán é o máis común (escrito en galego antigo coma vergeban[2]). outros nomes locais son: crusados, herba da cruz, herba do bazo, herba dos ensalmos, orxabán, verbena[5] e herba dos lebrosos[6].
En Portugal aparecen diferentes nomes comúns relacionados cos galegos coma: algebão, algebrão, gerbão, gerivão, girbão, jarvão, urgebão, erva-sagrada e verbena.
Gausachs i Calvet R. Les herbes remeieres. De la cultura popular al fàrmac. Una aproximació etnobotànica. Vol.1. Barcelona: Rafael Dalmau, editor, 2007.p. 326, 327.
Lavnert E. Guía de las plantas medicinales y comestibles de España y Europa. Barcelona: Ediciones Omega S.A., 1982.p. 154
Polunin O. Guía de campo de las flores de Europa. Barcelona: Ediciones Omega S.A., 1991.p. 396, 397
Polunin O, Smythies B.E. Guía de campo de las flores de España. Barcelona: Ediciones Omega S.A., 1981.p. 326, 327.
Consejo general de colegios oficiales de farmacéuticos. Plantas medicinales y fitoterapia II. 2001.p. 204, 205.
Bolòs O, Vigo J, Masalles R, Ninot J. Flora. Manual dels països catalans. Barcelona: Pòrtic, 2005.p. 758.
Barnes J, Anderson L, Phillipson J. Plantas medicinales. Barcelona: Pharma Editora, 2004.p. 502,503.
Guía de plantas medicinales. Plantas para la salud. Tomo 6. Madrid: Ediciones Rueda, 2003.p. 411.
Ticli B. El herbario de la salud. Barcelona: Editorial de Vecchi, 1997.p. 125.
Berdonces i Serra. Gran enciclopedia de las plantas medicinales. Barcelona: Ediciones Tikal.p. 947, 948.
Diccionario integral de plantas medicinales. Madrid: RBA Integral, 2002.p. 601.