As orixes familiares de Velasquita son incertas. A inscrición nunha pedra da igrexa de Deva (Igrexa de San Salvador, Asturias), simplemente chámaa filia Ranimiri ("filla de Ramiro").[1][2]
«En nome do Señor Xesucristo, por amor do cal a raíña Velasquita, filla de Ramiro, edificou o templo do Señor Salvador. Aquí se gardan as reliquias, para que ela reciba premio digno no seno dos santos, viva aquí feliz e consagrada e consigan o reino de Deus. Amén. Co cal consagrouse este templo»[Notas 1][3]
Casou con Vermudo II entre o 980 e o 11 de outubro de 981 cando ambos aparecen xuntos por primeira vez,[1] un ano antes do reinado de Vermudo, nunha doazón feita polo conde galego Menendo Menéndez ao Mosteiro de San Xulián de Samos na que Vermudo confirma como Veremudus, prolix Ordonius rex e Velasquita como uxor ipsius.[2]
Aparecen xuntos por última vez a finais de 988 e probablemente foi repudiada un ano despois en 989.[1] En 991, o rei Vermudo e a súa segunda esposa, Elvira García, confirman xuntos unha carta por primeira vez.[1] Velasquita abandonou a corte e instalouse en Oviedo coa súa filla Cristina, e fíxose monxa no Mosteiro de San Paio,[1] cuxa abadesa daquela era a raíña viúvaTareixa Ansúrez. A medievalista Margarita Torres cre que Velasquita e Tareixa planificaron e fomentaron o matrimonio de Cristina, a filla de Velasquita, co neto de Tareixa, Ordoño Ramírez, unindo así ámbalas liñaxes reais.[4] Velasquita aparece o 14 de marzo de 996 no Mosteiro de San Paio confirmando unha doazón realizada polo seu antigo marido, o rei Vermudo e a súa segunda esposa Elvira.[2] En 1024 tamén estivo presente e confirmou a carta pola que a súa filla Cristina, xa viúva, funda o Mosteiro de San Salvador (Cornellana) onde acabaría por retirarse.[2]
↑"HINC NOMINE DOMINI IHESUCRISTI PRO CUIUS AMORE VELASQUITAE REGINAE PROLIS RAMIRI EDIFICABIT TEMPLUM DOMINI SANCTI SALVATORIS ET RELIQUIE QUI HIC SUN RECONDITE UT IN SINU SANCTE RECIPIAT PREMIA DIGNA ET IC FELICITER VIVAT ET REGNUM DEI POSSIDEANT AMEN, QUO CONSECRATUM EST TEMPLUM HOC"
↑A imposibilidade de explicar esta relación a partir dos matrimonios coñecidos da familia real deu lugar as especulacións entre os historiadores de que o rei Vermudo puido ser ilexítimo, nado do rei Ordoño III a través dunha sobriña de Hermenexildo González. Non obstante, sería coherente co costume da época que Vermudo se referise aos devanceiros da súa muller como propios.
↑No Chronicon regum Legionensium do século XII, o bispo Paio de Oviedo dividiría a Velasquita en dous personaxes distintos, unha muller casada lexitimamente e unha amante da que Vermudo tivo unha filla ilexítima Cristina. Aínda que isto pode reflectir o estado de Cristina despois do repudio do matrimonio dos seus pais, tamén forma parte dun patrón máis amplo no que o bispo retrata a Vermudo desfavorablemente. O feito de que a raíña Velasquita confirmase a carta onde Cristina fundou o mosteiro e tamén de que o "préstamo" concedido pola Catedral de Oviedo á raíña Velasquita da "corte de Santa Cruz de Aquilone" pasase a Cristina e despois á súa filla Aldonza, indicaría que Cristina era case con toda seguridade a filla da raíña e non dunha campesiña asturiana, como insinuou o bispo.
↑Torres Sevilla-Quiñones de León, Margarita C. (1999). Linajes nobiliarios de León y Castilla: Siglos IX-XIII. Junta de Castilla y León, Consejería de educación y cultura. ISBN84-7846-781-5.