Un vector lanzadeira (shuttle vector) é un vector (usualmente un plásmido) construído para que se poida propagar en dúas especies hóspede diferentes.[1] Por tanto, o ADN inserido nun vector lanzadeira pode ser comprobado ou manipulado en dous tipos celulares diferentes. A principal vantaxe destes vectores é que poden ser manipulados en Escherichia coli, e despois usados nun sistema no que é máis difícil ou máis lento de usar (por exemplo, lévedos).
Os vectores lanzadeira inclúen plásmidos que poden propagarse en eucariotas e procariotas (por exemplo, tanto en Saccharomyces cerevisiae coma en Escherichia coli) ou en diferentes especies de bacterias (por exemplo, tanto en E. coli coma en Rhodococcus erythropolis[2][3]). Tamén hai vectores lanzadeira que son adenovirus, que poden propagarse en E. coli e mamíferos.
Os vectores lanzadeira son utilizados frecuentemente para facer rapidamente múltiples copias do xene en E. coli (amplificación). Poden tamén utilizarse en experimentos in vitro e modificacións (por exemplo, mutaxénese, PCR).
Un dos tipos máis comúns de vectores lanzadeira é o vector lanzadeira de lévedo.[4]. Case todos os vectores usados correntemente de S. cerevisiae son vectores lanzadeira. Os vectores lanzadeira de lévedos teñen compoñentes que permiten a replicación e selección tanto en células de E. coli coma en células de lévedos. O compoñente de E. coli dun vector lanzadeira de lévedo inclúe unha orixe de replicación e un marcador seleccionable, por exemplo, a resistencia a antibióticos, a beta lactamase ou a beta galactosidase. O compoñente lévedo dun vector lanzadeira de lévedo inclúe unha secuencia que se replica autonomamente (ARS), un centrómero de lévedo (CEN), e un marcador seleccionable de lévedo (por exemplo, URA3, un xene que codifica un encima para a síntese de uracilo.[1]
Notas
Véxase tamén
Bibliografía