Vasilii Nikolaevich Ledkov, nado na tundra o 16 de decembro de 1933[1] e finado en Arkhangelsk o 7 de marzo de 2002, foi un tradutor e escritor nenets, un dos meirandes literatos en lingua nenets.
Traxectoria
Naceu no seo dunha familia nómade de pastores de renos na tundra, na rexión de Bolšezemelskaia. Dende 1942 estudou na escola da aldea de Chornaia, e logo na de Varandei. Deixou a escola durante varios períodos polo que non a rematou ata 1951. Nese ano marchou a Leningrado para asistir durante tres anos a cursos preparatorios. En 1959 graduouse no Instituto Pedagóxico A. I. Herzen e volveu ao territorio dos Nenets, traballando como profesor e máis tarde no periódico provincial Narjana Wbnder. Nesta época comezou a escribir poemas que se publicaron nos periódicos Narjana Wbnder e Pravda Severa, no almanaque Literaturnyy Sever e mais nas revistas Zvezda, Ogoniok ou Sibirskie Ogni. Tamén publicou traducións ao nenets de clásicos rusos como Pushkin, Mikhail Lérmontov ou Sergei Esenin. En 1960 saíu do prelo o seu primeiro libro, Ңesyn ter'ңatsekeche, un libro de poesías infantís no que reflicte o seu amor pola súa terra natal. Un ano máis tarde, en colaboración con Alexei Pickov publicou a colección de poemas en ruso Daleko Serne moia zhivet. En 1962 entrou na Unión de Escritores da URSS.
Entre os anos 1962 e 1965 realizou os altos estudos literarios da Unión de Escritores Soviéticos no Instituto de Literatura A. M. Gorky de Moscova. Daquela escribiu a novela autobiográfica "Sineva v arkane" e de volta ao territorio nenets publicou diversas coleccións poéticas en nenets como Юдабэй я, así como novelas e relatos. A partir de mediados da década de 1970 as editoriais publicaron as súas obras en ruso, orixinais ou traducidas do nenets, pero case non publicou en nenets ata a caída da Unión Soviética.
A súa última obra é a tradución ao nenets lingua da épica "Kalevala", que apareceu parcialmente en revistas pero non se publicou en libro[2].
Notas
- ↑ "Василий Николаевич Ледков", writers.aonb.ru
- ↑ Laptander, Roza e M. Lublinskaia (2015). "A short introduction to the Nenets literature". Rodnye yazyki. 1(3), pp. 28-44