A vasculoxénese[1] é o proceso de formación de vasos sanguíneos no embrión, que ocorre por produción de novo de células endoteliais a partir doutras células precursoras.[2] Nalgúns textos é asimilada coa anxioxénese,[3] como o primeiro estadio da formación da rede vascular, que vai seguido da anxioxénese ou formación de vasos en etapas posteriores.[4]
Proceso
No sentido en que é distinguida da anxioxénese, a vasculoxénese é diferente nun aspecto: mentres que a anxioxénese é a formación de novos vasos sanguíneos a partir de vasos preexistentes, a vasculoxénese é a formación de novos vasos sanguíneos, nas chamadas illas sanguíneas ou illotes de Wolff-Pander embrionarios, onde non había vasos preexistentes.[5] Por exemplo, ocorre a anxioxénese se empeza a brotar unha monocapa de células endoteliais para formar novos capilares. A diferenza disto, a vasculoxénese prodúcese cando células precursoras endoteliais chamadas anxioblastos migran e diferéncianse en resposta a sinais locais (como factores de crecemento e matrices extracelulares) para formar novos vasos sanguíneos. Estas árbores vasculares son despois podadas e esténdense por medio da anxioxénese.[6][7]
Notas