Unha muller bate nun neonazi co bolso (en sueco: Kvinnan med handväskan, ou Tanten med väskan, lit. «A muller do bolso») é unha fotografía realizada por Hans Runesson na cidade sueca de Växjö o 13 de abril de 1985. Mostra unha muller de 38 anos batendo nun neonazi cun bolso durante unha manifestación de partidarias e partidarios da forza de ultradereita Partido do Reich Nórdico. Foi publicada o día seguinte no Dagens Nyheter e ao día seguinte nalgúns xornais británicos.
A fotografía de Runesson foi considerada a Fotografía Sueca do Ano (Årets bild) en 1985 e posteriormente a Fotografía do Século pola revista Vin e a Sociedade Fotográfica Histórica de Suecia.[1]
Os protagonistas
A muller da fotografía é Danuta Danielsson (1947–1988), de orixe polaca.[2] A súa nai fora internada nun campo de concentración alemán durante a segunda guerra mundial.[1] O clamor que causou a fotografía, amais da ansiedade e da depresión que padecía Danielsson, provocaron que se illase na casa e que, finalmente, acabase por suicidarse en 1988.
O neonazi golpeado é Seppo Seluska, militante do Partido do Reich Nórdico. Ese mesmo ano foi condenado por torturar e asasinar a un xudeu homosexual.
Homenaxes
En 2014, a escultora sueca Susanna Arwin construíu unha estatua en miniatura de Danuta Danielsson baseada nesa fotografía.[3] Xurdiu a proposta de erixir unha versión a tamaño real desa estatua na propia cidade de Växjö, mais o proxecto foi bloqueado polo grupo municipal do Partido do Centro, que consideraba que un monumento desas características podería promover a violencia.[4][5]
Con todo, en abril de 2019 inaugurouse finalmente a estatua dedicada á señora Danielsson tralas manifestacións populares a favor da mesma.[6]