A Biblia foi traducida a moitas linguas dende as linguas bíblicas do hebreo, o arameo e o grego. En setembro de 2023, o texto completo da Biblia foi traducido a 736 linguas, mentres que o Novo Testamento foi traducido a unhas 1.658 linguas adicionais, e pequenos textos da Biblia foron traducidos a unhas 1.264 linguas máis segundo Wycliffe Global Alliance. Segundo isto, cando menos algunhas partes da Biblia foron traducidas a 3.658 linguas.[1]
A Biblia hebrea foi escrita principalmente en hebreo bíblico, con algunhas partes (notablemente nos libros de Daniel e Esdras) en arameo bíblico. Dende o século VI ata o século X, os eruditos xudeus, hoxe coñecidos como masoretas, compararon o texto de varios manuscritos bíblicos nun esforzo por crear un texto unificado e estandarizado. Finalmente xurdiu unha serie de textos moi semellantes, e calquera destes textos coñécese como textos masoréticos. Os masoretas tamén engadiron puntos vocálicos (chamados niqqud) ao texto, xa que o texto orixinal contiña só consoantes. Isto requiría ás veces a selección dunha interpretación xa que algunhas palabras difiren só nas súas vogais o seu significado pode variar segundo as vogais escollidas. Na antigüidade existían variantes de lecturas hebreas, algunhas das cales sobreviviron no Pentateuco samaritano e noutros fragmentos antigos, ademais de estar testemuñadas en versións antigas noutras linguas.[2]
Os autógrafos, os manuscritos gregos escritos polos autores orixinais, non sobreviviron. Os estudosos conxecturan o texto orixinal grego a partir dos manuscritos que sobreviven. As tres principais tradicións textuais do Novo Testamento grego son o tipo textual alexandrino, o tipo textual bizantino e o tipo textual occidental.
A maioría das variantes entre os manuscritos son menores, como a ortografía alternativa, a orde alternativa das palabras, a presenza ou ausencia dun artigo determinado opcional ("o"), etc. En ocasións, ocorre unha variante importante cando faltaba unha parte dun texto ou por outros motivos. Exemplos de variantes principais son o final de Marcos, o Pericope Adulteræ, o Coma xoánica e a versión occidental dos Feitos.
O descubrimento de manuscritos máis antigos que pertencen ao tipo textual alexandrino, incluíndo o Codex Vaticanus e o Codex Sinaiticus do século IV, levou aos estudosos a revisar a súa opinión sobre o texto orixinal grego. Karl Lachmann baseou a súa edición crítica de 1831 en manuscritos que datan do século IV e anteriores, para argumentar que o Textus Receptus debe ser corrixido segundo estes textos anteriores.
Os primeiros manuscritos das cartas paulinas e outros escritos do Novo Testamento non mostran ningunha puntuación.[4] A puntuación foi engadida máis tarde por outros editores, segundo a súa propia comprensión do texto.
Nova Vulgata
A Nova Vulgata é a máis recente tradución da Biblia ao latín. O 29 de novembro de 1965, o papaPaulo VI instituíu a Pontificia Comisión para a Versión Estándar Revisada da Biblia,[5] co fin de preparar unha nova tradución dende o hebreo, o arameo e o grego koiné ao latín. O resultado foi a Nova Vulgata, promulgada polo papa Xoán Paulo II en 1979.
O propósito era conseguir máis precisión e claridade nos textos, e eliminar os erros e pasaxes escuras que estaban presentes na versión de Xerome de Estridón,[5] coñecida como a Vulgata.
Estatísticas da tradución da Biblia (en anos seleccionados)
Ano
Biblia completa
Novo Testamento
Anacos
Total
1996
308
764
1014
2086
2006
426
1114
862
2402
2010
457
1211
897
2565
2011
513
1276
1015
2804
2012
518
1275
1005
2798
2013
513
1309
1028
2850
2014
531
1329
1023
2883
2015
554
1333
1045
2932
2016
636
1442
1145
3223
2017
670
1521
1121
3312
2018
683
1534
1133
3350
2019
698
1548
1138
3384
2020
704
1551
1160
3415
2021
717
1582
1196
3495
2022
724
1617
1248
3589
2023
736
1658
1264
3658
A Biblia é o libro máis traducido do mundo. As Sociedades Bíblicas Unidas anunciaron que o 31 de decembro de 2007[6] a Biblia completa estaba dispoñible en 438 linguas, 123 das cales incluían o material deuterocanónico, así como o Tanakh e o Novo Testamento. O Tanakh ou o Novo Testamento estaban dispoñibles en 1.168 linguas adicionais, nalgún tipo de traducións, como a tradución interlineal morfema por morfema (por exemplo, algunha Biblia paralela).
En 1999, Wycliffe Bible Translators anunciou o seu proxecto Vision 2025, que pretende comezar a tradución da Biblia en todas as comunidades lingüísticas restantes para o ano 2025. Decatáronse de que, ao ritmo da tradución da Biblia daquela época, levaría cando menos ata 2150 que a Biblia estivese dispoñible en todos as linguas do mundo. Dende o lanzamento de Vision 2025, os esforzos de tradución da Biblia aumentaron drasticamente, en gran parte debido á tecnoloxía que agora está dispoñible. Debido ao aumento no ritmo de tradución prevese que a Biblia estará traducida en todas as linguas en 2038, uns 112 anos máis rápido.[7]
En setembro de 2023, estimouse que uns 99,8 millóns de persoas falaban esas 1.268 linguas nas que aínda ten que comezar o traballo de tradución. Isto representa o 17,1% de todas as linguas (con base nunha estimación de 7.394 linguas totais) e o 1,3% da poboación humana (con base nunha poboación global de 7.420 millóns).
En total, hai 3.736 linguas sen ningunha tradución da Biblia, mais calcúlase que 1.148 delas (cunha poboación de 9,6 millóns de persoas) é probable que nunca necesiten unha Biblia porque son moi semellantes a outras linguas, ou faladas por moi poucos falantes onde o a lingua desaparecerá moi axiña.[1]
A tradución da Biblia está a producirse actualmente en 3.283 linguas en 167 países. Este traballo afecta a 1.150 millóns de persoas, ou preto do 15,5 por cento de todos os falantes de linguas do mundo, que teñen (ou terán en breve) acceso a polo menos algunhas partes das escrituras na súa primeira lingua.[1]
Sharma, Sandeep (2018). "Chichewa and Hindi Back Translations of the Bible: A Comparative Check of Translation Techniques". Journal of Translation14 (1): 42–47. doi:10.54395/jot-69624.