Todos os días é unha novela xeracional de Alberto Ramos, publicada por Sotelo Blanco Edicións en 2012. Nese mesmo ano acadou o Premio Vicente Risco de Creación Literaria.
Trama
Iván é un xornalista de Carballo de 27 anos, que vive en Santiago de Compostela. Logo de trabalar como redactor nun xornal, a empresa pechou e quedou desempregado. A dous meses de que se lle remate a prestación do subsidio por desemprego, leva unha rutina diaria de total inactividade.
O luns 19 de novembro ten que ir á oficina de emprego para selar a tarxeta de parado. Como adoita deitarse tarde, queda durmido, e o seu amigo Marcos ten que ir espertalo. Ten o quentador de auga avariado, e dálle preguiza chamar ao caseiro. Logo de ir á oficina de emprego queda para comer cunhas amigas no barrio de San Pedro. O martes vai a unha entrevista con persoal do Servizo Galego de Colocación para procurar atopar traballo. Pola noite, logo de comezar cun gin tonic, colle unha borracheira ben gorda. O mércores volve espertalo Marcos, que procura animalo para que cambie de vida. Pola tarde vai a Vigo á presentación dun libro do seu antigo xefe, ao que quere pedir explicacións polo peche do xornal. Porén, cando coincide con el non se atreve a facerlle reproche ningún.
O xoves vai a Carballo, a visitar o seu pai, que está doente. A súa irmá, Inma, pídelle que quede vivir con eles para botarlle unha man e coide o seu pai. El négase. O venres vai a Vigo para testificar nun xuízo dunha fotógrafa compañeira, que demandou á empresa en que traballaban. Porén, finalmente a rapaza chega a un acordo e non se celebra o xuízo. Toma un café con ela e regresa a Compostela. Como está arrefriado, déitase cedo. O sábado queda para comer con Marcos, pero discuten e enfádanse, logo de que este lle diga que debe visitar un médico, pois cuspe sangue. Despois vai de novo a Carballo para dicirlle a Xoán, o marido da súa irmá, que non ten pensado ir vivir alá con eles. Regresa á súa casa e bótase a durmir. O domingo esperta tarde. Xa á noitiña chama ao caseiro para que vaia arranxarlle o quentador. O luns pola mañá, mentres lle reparan a auga quente, decide ir ao médico.
Narración
A obra está narrada en terceira persoa cun narrador omnisciente. Está ambientada principalmente en Santiago de Compostela, con situacións en Carballo e Vigo. O tempo narrativo abrangue unha semana. O tempo histórico é en outono, a finais do mes de novembro.
Os temas tratados son os efectos da crise económica na mocidade, creando unha falta de horizonte de expectativas que afecta á autoestima das persoas. Trátase o peche de medios de comunicación escritos; así, hai elementos autobiográficos, pois o autor viviu en primeira persoa o peche de Xornal de Galicia en 2011.
Véxase tamén
Ligazóns externas