O tesouro de Quintá da Grade é un conxunto de 3.465 moedas romanas de bronce do século IV achado entre 1991 e 1992 na parroquia da Grade, en Chantada.
Descuberta
O primeiro grupo deste amplo depósito apareceu en 1991, ao abrir unha gabia no transcurso dunhas obras de instalación da condución de auga na zona coñecida como O Pedregal, no núcleo de Quintá, na parroquia chantadina da Grade. Estímase en máis de 10.000 os exemplares que cumpuñan inicialmente o tesouro, e moitos deles foron esparexidos entre a veciñanza,[1] aínda que as autoridades arqueolóxicas puideron recuperar 2.426 moedas,[2] que foron depositadas no Museo Provincial de Lugo.[3][4]
A descuberta propiciou a realización dunha intervención de urxencia, con oito sondaxes, que sacou á luz a existencia dun asentamento romano tardío, do século IV, a raíz dos muros e dos obxectos atopados.[2] Nesta intervención achouse en febreiro de 1992 unha ola de cerámica que contiña un segundo lote de 1.031 moedas, nun estado de conservación bo, así como outros 59 fragmentos grandes e outros 60 de pequeno tamaño.[5] Finalmente, os escavadores recibiron outras oioto moedas dos propietarios dos terreos, completándose así o total de 3.465 que fotron depositadas no Museo Provincial de Lugo.[3][4]
Contido
A partir dun estudo preliminar do conxunto de moedas, publicado en 2006 sobre a base dunha análise dunhas decenas de exemplares, púidose establecer o marco cronolóxico do depósito. O exemplar máis antigo corresponde ao ano 324 d.C., en tanto que o máis moderno se sitúa en 402 d.C., polo que hai unha boa representación da moeda constantiniana e, en xeral, da emitida por practicamente todos os emperadores romanos do século IV d.C.:[4] Constantino I (306-337), Constantino II (337-340), Constante (337-350), Constancio II (337-361), Graciano (375-383), Valente (364-378), Valentiniano I (364-375), Teodosio (379-395) e Arcadio (395-408).[6] Unha acumulación monetal tan ampla e tan prolongada no tempo é un claro incicio da inseguridade e da decadencia do Imperio, rematada finalmente, no que a Hispania se refire, coas invasións bárbaras de 409.[3]
Canto ás cecas da Antiga Roma de procedencia destas moedas, identificáronse exemplares cuñados en Arelate, Cízico, Heraclea, Nicomedia, Roma e Siscia.[6]
Notas
- ↑ Cavada Nieto, M. (2005). Páxina 53.
- ↑ 2,0 2,1 Álvarez, Y. et al. (2008). Páxina 99.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 "Tesouriño de Quintá da Grade (Chantada, Lugo)". En Balseiro García, A. (coord.) (2001). Páxina 52.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 "B.4.- Quintá de A Grade (Chantada)". En Balseiro García, A. et al. (2021-a-). Páxina 772.
- ↑ Álvarez, Y. et al. (2008). Páxina 100.
- ↑ 6,0 6,1 Álvarez, Y. et al. (2008). Páxinas 100-101.
Véxase tamén
Bibliografía
- Álvarez, Y. et al. (2008). “Datos sobre el tesorillo tardorromano de monedas de El Pedregal (Chantada, Lugo)”. En Boletín del Museo Arqueológico Nacional. Nº 24-25-26. Páxinas 99-07.
- Balseiro García, A. (coord.) (2001). Percorridos pola colección numismática do Museo Provincial de Lugo. Deputación de Lugo. ISBN 978-84-8192-573-9
- Balseiro García, A. et al. (2021-a-). "Tesoros monetarios del Museo Provincial de Lugo: estudio y difusión". En Actas. XVI Congreso Nacional de Numismática (Barcelona, 28, 29 y 30 de noviembre de 2018). Tomo II. RCM-FNMT, Madrid. Páxinas 763-781. ISBN 978-84-89157-85-9
- Balseiro García, A. et al. (2021-b-). "Recorrido por la colección numismática del Museo Provincial de Lugo: programa de investigación y proyectos de divulgación". En Actas. XVI Congreso Nacional de Numismática (Barcelona, 28, 29 y 30 de noviembre de 2018). Tomo II. RCM-FNMT, Madrid. Páxinas 593-598. ISBN 978-84-89157-85-9
- Carnero Vázquez, M. O. (2015): “Os “Tesouriños” da colección numismática do Museo Provincial de Lugo”. En Férvedes. Revista de Investigación 8. Páxinas 439-444
- Cavada Nieto, M. (2005). "Numismática romana en la provincia de Lugo". En Boletín do Museo Provincial de Lugo. XII, 1. Páxinas 41-70
Outros artigos