Tesouro de Penadominga

Tesouro de Penadominga
Tipo ca. 100 moedas romanas
Cultura Baixo Imperio Romano
Características
Materiais Bronce
Descuberta
Localización Bendollo, Quiroga, Galicia Galicia
Data xullo de 1950
Conservación
Localización Museo Provincial de Lugo

O tesouro de Penadominga é un conxunto de arredor dun cento de pequenas moedas romanas de bronce achado en 1950 nas proximidades do castro de Penadominga, en Quiroga.

Descuberta

O tesouro foi achado en xullo de 1950 na contorna do castro de Penadominga en Bendollo, no concello lugués de Quiroga, por un veciño do lugar,[1][2] xunto con fragmentos diversos, placas de cinto e outros materiais tardorromanos.[3]

A falta de datos precisos acerca das circunstancias da descuberta das moedas fai imposible confirmar se se trata dun único achado ou máis ben do resultado de varias procuras sucesivas. A este respecto, Juan José Cepeda considera mesmo que non se trataría dun tesouro strictu senso, senón de grupos dispersos de moedas circulantes utilizadas polos habitantes do castro e que se foron perdendo accidentalmente durante o período en que estre foi habitado.[2]

Contido

Das 105 moedas do conxunto inicial, consérvanse unicamente 91. O seu estado de conservación é en xeral moi deficiente e só en 53 espécimes é posible a lectura das súas lendas.[3] O grupo maioritario está composto por nummus, follis e outros divisores de bronce do Baixo Imperio, correspondentes a emisóns constantinianas (306-363 d.C.) e valentinianas (364- 392 d.C.), e o espécime máis tardío corresponde á época do emperador Arcadio (395-408 d.C.), da dinastía Teodosiana.[4][1] Á marxe deste grupo maioritario de pequenos bronces do século IV, no tesouro apareceu tamén un denario do emperador Marco Aurelio (161-180 d.C.) e un ás hispanoromano.[5]

A atribución das 53 moedas catalogables é a seguinte:[1]

Emperador Período Exemplares
Marco Aurelio 161 - 180 1
Helena 293 - 330 1
Teodora - 1
Constantino I 306 - 337 1
Constantino II 337 - 340 3
Constante 337 - 350 2
Constancio II 337 - 361 14
Constancio II / Constante - 9
Outras constantinianas - 12
Magnencio 350 - 353 3
Valente 364 - 378 1
Valentiniano II 375 - 392 2
Arcadio 395 - 408 1

Canto ás cecas romanas que puideron ser identificadas, son as seguintes: Antioquía (1 exemplar; Constancio II), Arelate (3 exemplares), Constantinopla (4 exemplares, Constancio II), Cízico (2 exemplares, Constantino I), Lugdunum (1 exemplar), Roma (3 exemplares, Constancio II), Tesalónica (1 exemplar, Constancio II) e Tréveris (1 exemplar, Constantino I).[1]

Notas

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 "Tesouriño de Penadominga (Quiroga, Lugo)". En Balseiro García, A. (coord.) (2001). Páxina 49.
  2. 2,0 2,1 Cepeda, J. J. (1993). Páxina 91.
  3. 3,0 3,1 "B.2. A Fonsagrada". En Balseiro García, A. et al. (2021-a-). Páxina 771.
  4. Cepeda, J. J. (1993). Páxinas 95-98.
  5. Cepeda, J. J. (1993). Páxina 99.

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos