Teoría da carga perceptiva

Sobremesa informal na discorren varias conversas simultáneas. Luncheon of the Boating Party de Pierre-Auguste Renoir.

A teoría da carga perceptiva é unha teoría psicolóxica da atención. Esta teoría foi presentada pola neurocientífica Nilli Lavie a mediados dos 90, como unha posible solución do debate da selección temperá-tardía.[1][2]

Este debate refírese ao "problema do cóctel": como seleccionan as persoas nun cóctel a conversa que están escoitando e ignoran as outras? Os modelos de atención propostos antes da teoría de Lavie diferían nas súas propostas para o punto do fluxo de procesamento da información onde se produce a selección da información obxectivo, o que levou a un acalorado debate[3] sobre se a selección se produce "cedo" ou "tarde". Tamén houbo discusións sobre en que grao se procesan os estímulos que distraen.

Historia

A investigación moderna sobre a atención comezou cando Colin Cherry artellou o "problema do cóctel" en 1953: nun cóctel, como seleccionan as persoas a conversa que están escoitando e ignoran o resto?[4] Cherry realizou experimentos nos que os suxeitos empregaban uns auriculares para escoitar dúas correntes de palabras en diferentes oídos e atender selectivamente a unha; entón preguntaríaselles polo contido do outro fluxo. Estes experimentos demostraron que os suxeitos captan moi pouca información proporcionada no fluxo no que non se centran.[4]

Donald Broadbent empregou os resultados deste tipo de experimentos para desenvolver o seu modelo de filtro de atención, que suxire que os humanos procesan información cunha capacidade limitada e, polo tanto, a información debe ser seleccionada por un filtro sensorial pouco despois de ser recibida. Toda a información do filtro que non se atenda directamente decaerá. En contraste, J. Anthony Deutsch e Diana Deutsch argumentaron que este filtrado[5] de estímulos irrelevantes ocorre nas últimas fases do procesamento: toda a información é procesada a nivel sensorial, pero o contido semántico da mensaxe no oído desatendido non pode acceder á conciencia.

Proposta de teoría da carga perceptiva

Lavie intentou resolver o debate de selección precoz/tardía argumentando que tanto a selección precoz como a tardía ocorren dependendo do estímulo presentado.[1][2] Ela introduciu o concepto de carga perceptiva, referíndose á complexidade dos estímulos físicos, particularmente os estímulos que distraen. Por exemplo, buscar un cadrado solitario nunha escena entre os círculos circundantes implica unha carga perceptiva relativamente baixa; mentres que un cadrado rodeado de moitas formas diferentes requiriría unha maior carga perceptiva para localizalo.

Suposicións clave

A teoría da carga perceptiva fai tres supostos principais:

  • Os recursos de atención teñen capacidade limitada.
  • Os estímulos relevantes para a tarefa son procesados antes que os estímulos irrelevantes para a tarefa.
  • Deben empregarse todos os recursos de atención.

Así, se o estímulo relevante para a tarefa emprega todos os recursos de atención, ningún dos estímulos irrelevantes para a tarefa (distraccións) será procesado. Nas tarefas de alta carga os recursos de atención do obxectivo esgótanse máis rápido que nunha tarefa de baixa carga. Polo tanto, o obxectivo seleccionarase antes e as distraccións filtraranse rapidamente. Nunha tarefa de baixa carga, procesaranse máis distraccións porque non se esgotaron os recursos de atención e o paso de filtrado producirase máis tarde. Nunha situación de baixa carga percibiranse gran cantidade das distraccións, podendo provocar interferencias.[6][7][8][9]

Neste modelo, a selección prodúcese tanto nas primeiras fases do procesamento (condición de alta carga) como nas últimas (condición de baixa carga).

Crítica

Prominencia das distraccións

Unha teoría alternativa proposta para explicar os resultados de Lavie é a prominencia da distracción.[10] Esta teoría argumenta que a importancia, ou prominencia, dunha distracción é o principal factor para causar distracción, máis que a carga global.

Foco da atención

Unha segunda explicación alternativa para os resultados de Lavie é o foco da atención, que suxire que a diferenza aparente entre as condicións de carga alta e baixa non se debe á carga global, senón ao grao de localización do campo de atención do participante.[11][12][13] A teoría do foco da atención propón que os participantes poden procesar distraccións que están dentro do seu foco de atención. Cando un individuo é inducido a ter un pequeno foco de atención e as distraccións quedan fóra do foco, vese un procesamento mínimo dos distraccións e interferencias.[14] Un maior foco de atención que inclúa distraccións leva a un maior nivel de interferencia.

Localización versus eficiencia

O supervisor de doutoramento de Lavie, Yehoshua Tsal, o autor principal do artigo orixinal,[1] publicou unha revisión crítica da teoría da carga perceptiva en 2013 xunto con Hanna Benoni.[15] A revisión argumenta que a teoría da carga perceptiva foi interpretada erroneamente como unha solución híbrida para o debate de selección precoz versus selección tardía, e que, en cambio, é un modelo de selección precoz: a selección ocorre porque a atención é necesaria para o procesamento semántico e a diferenza entre as condicións alta carga e baixa carga é o resultado do feito de que a selección é eficiente en condicións de alta carga pero ineficiente en condicións de baixa carga.

Benoni e Tsal argumentan que a teoría da carga perceptiva merece recoñecemento non por propoñer un modelo híbrido de atención, senón por cambiar o foco do lugar da selección á cuestión máis importante da eficiencia da selección.

Benoni e Tsal tamén argumentan que a natureza da carga perceptiva nunca foi definida con precisión, o que leva á circularidade na caracterización da carga e na análise dos resultados das diferenzas de carga.

Notas

  1. 1,0 1,1 1,2 Lavie, Nilli; Tsal, Yehoshua (1994). "Perceptual load as a major determinant of the locus of selection in visual attention" [A carga perceptiva como un determinante importante do lugar de selección na atención visual] (PDF). Perception & Psychophysics (en inglés) 56 (2): 183–197. doi:10.3758/bf03213897. Consultado o 6 de decembro de 2018. [Ligazón morta]
  2. 2,0 2,1 Lavie, Nilli (1995). "Perceptual load as a necessary condition for selective attention" [A carga perceptiva como condición necesaria para a atención selectiva] (PDF). Journal of Experimental Psychology (en inglés) 21 (3): 451–468. doi:10.1037/0096-1523.21.3.451. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 9 de febreiro de 2018. Consultado o 2 de xuño de 2017. 
  3. Theeuwer, Jan; Kramer, Arthur F.; Belopolsky, Artem (2004). "Attentional set interacts with perceptual load in visual search" [O conxunto da atención interactúa coa carga perceptiva na busca visual]. Psychonomic Bulletin & Review (en inglés) 11 (4): 697–702. ISSN 1069-9384. PMID 15581120. doi:10.3758/BF03196622. Consultado o free. 
  4. 4,0 4,1 Goldstein, E. Bruce (2008). Cognitive psychology: connecting mind, research, and everyday experience [Cognitive psychology : connecting mind, research, and everyday experience] (en inglés) (2ª ed.). Australia: Thomson Wadsworth. pp. 14. ISBN 9780495095576. OCLC 183623510. 
  5. Deutsch, J. A.; Deutsch, D. (Xaneiro 1963). "Attention: some theoretical considerations" [Atención: algunhas consideración teóricas]. Psychological Review (en inglés) 70 (1): 80–90. PMID 14027390. doi:10.1037/h0039515. 
  6. Cartwright-finch, Ula; Lavie, Nilli (2007). "The role of perceptual load in inattentional blindness" [O rol da carga perceptiva na cegueira por falta de atención]. Cognition (en inglés) 102 (3): 321–340. PMID 16480973. doi:10.1016/j.cognition.2006.01.002. 
  7. Lavie, Nilli; Hirst, A.; de Fockhert, J. W.; Viding, E. (2004). "Load theory of selective attention and cognitive control" [Teoría da carga de atención selectiva e control cognitivo]. Journal of Experimental Psychology (en inglés) 133 (3): 339–354. PMID 15355143. doi:10.1037/0096-3445.133.3.339. 
  8. Lavie, Nilli (Febreiro 2005). "Distracted and confused?: Selective attention under load" [Distraído e confundido?: Atención selectiva baixo presión]. Trends in Cognitive Sciences (en inglés) 9 (2): 75–82. PMID 15668100. doi:10.1016/j.tics.2004.12.004. 
  9. Rees, G.; Frith, C. D.; Lavie, Nilli (Novembro 1997). "Modulating irrelevant motion perception by varying attentional load in an unrelated task" [Modular a percepción de movementos irrelevantes por variar a carga de atención nunha tarefa non relacionada]. Science (en inglés) 278 (5343): 1616–1619. PMID 9374459. doi:10.1126/science.278.5343.1616. 
  10. Eltiti, Stacy; Wallace, Denise; Fox, Elaine (2005). "Selective target processing: Perceptual load or distractor salience?" [Procesamento selectivo de obxectivos: carga perceptiva ou prominencia das distraccións?]. Perception and Psychophysics (en inglés) 67 (5): 876–885. PMID 16334059. doi:10.3758/bf03193540. Consultado o free. 
  11. Murray, Janice E.; Jones, Craig (2010). "Attention to local form information can prevent access to semantic information". The Quarterly Journal of Experimental Psychology (en inglés) 55 (2): 609–625. PMID 12047062. doi:10.1080/02724980143000370. 
  12. Chen, Zhe; Cave, Kyle R. (Xuño 2013). "Perceptual load vs. dilution: the roles of attentional focus, stimulus category, and target predictability" [Carga perceptiva vs. dilución: os roles do foco de atención, categoría de estímulo e previsibilidade do obxectivo]. Frontiers in Psychology (en inglés) 4: 327. PMC 3675768. PMID 23761777. doi:10.3389/fpsyg.2013.00327. 
  13. Chen, Zhe; Cave, Kyle R. (2016). "Identifying Visual Targets Amongst Interfering Distractors: Sorting Out the Roles of Perceptual Load, Dilution, and Attentional Zoom" [Identificación de obxectivos visuais entre as distraccións que interfiren: clasificando os papeis da carga perceptiva, a dilución e o foco de atención] (PDF). Attention, Perception, & Psychophysics (en inglés) 78 (7): 1822–38. PMID 27250363. doi:10.3758/s13414-016-1149-9. 
  14. Eriksen, Charles W.; St James, J. D. (1986). "Visual attention within and around the field of focal attention: A zoom lens model" [Atención visual dentro e ao redor do campo de atención focal: un modelo de lente de enfoque]. Perception and Psychophysics (en inglés) 40 (4): 225–40. PMID 3786090. doi:10.3758/BF03211502. Consultado o free. 
  15. Benoni, H.; Tsal, Y. (2013). "Conceptual and methodological concerns in the theory of perceptual load" [As preocupacións conceptuais e metodolóxicas na teoría da carga perceptual]. Frontiers in Psychology (en inglés) 4. PMC 3741554. PMID 23964262. doi:10.3389/fpsyg.2013.00522. 

Véxase tamén

Outros artigos