Os Tenebrionoidea (tenebrionoideos) son unha superfamilia moi grande e diversa de escaravellos.[1]
Xeralmente corresponde aos Heteromera de autores máis antigos.
A familia máis grande con diferenza é a dos Tenebrionidae, que en 2014 tiña aproximadamente 20 000 especies descritas e case dous terzos da riqueza de especies da supderfamilia.[2]
Morfoloxía
Os Tenebrionoidea mostran unha gama de diferentes morfoloxías. Porén, unha característica da maioría dos adultos é que teñen 5 tarsómeros nas patas dianteiras e medias e 4 nas traseiras (fórmula tarsal 5-5-4). Ocasionalmente, os machos teñen unha fórmula tarsal reducida a 4-4-4, 3-3-3 ou 3-4-4.[2]
Os tenebrionoideos larvarios poden distinguirse por varias características da cabeza: unha gula que diverxe posteriormente con beiras gulares ben desenvolvidas, brazos tentoriais posteriores desprazados anteriormente, mandíbulas asimétricas, o músculo craniocardinal vestixial ou ausente e o músculo tentoriofarinxeo posterior subdividido en varios feixes. O corpo adoita ser subparalelo e lixeiramene aplanado, pero outras formas evolucionaron para axeitarse a diferentes necesidades, como ter forma cilíndrica nas larvas perforadoras, ser fortemente aplanado en larvas que viven baixo as codias e ter forma de C ou parecida a un verme para larvas con estratexias de desenvolvemento especializadas (por exemplo, as larvas post-triungulinas de Ripiphoridae e Meloidae).[1]
Ecoloxía
Moitas familias de Tenebrionoidea comen fungos, pero hai unha ampla variedade de estratexias de alimentación no grupo, como comer madeira ou material vexetal en descomposición, comer pole (como en moitos Oedemeridae e Anthicidae), e actuar como ectoparasitoidee doutros insectos (nos Ripiphoridae). Un pequeno número de especies son predadoras ou comen tecidos vexetais vivos.[2]
Os Tenebrionoidea mostran unha particular diversidade en ambientes áridos.[2] Unha adaptación que presentan algúns (por exemplo, Onymacris unguicularis) é a capacidade de recoller auga da néboa para poder beber.[3]