Stefan Bajčetić Maquieira, nado en Vigo o 22 de outubro de 2004, é un futbolista galego que xoga como defensa no Liverpool FC da Premier League de Inglaterra.[1] É fillo do exfutbolista Srđan Bajčetić.
Traxectoria
Fillo de Srđan Bajčetić, un antigo xogador do Celta, serbio de nacenza e afincado en Vigo, Stefan é un xogador que se formou na canteira do Celta de Vigo. En xaneiro de 2021, con só 16 anos, asinou polo Liverpool FC para xogar co equipo sub 18. En novembro dese ano 2021 asinou o seu primeiro contrato profesional cos reds e en agosto de 2022, renovouno.[2]
Debutou co equipo A do Liverpool nun partido non oficial en xullo de 2022, nun amigable contra o Manchester United en Bangkok[3], durante a xira de pretemporada do Liverpool por Asia. Na tempada 2022-23, formou parte do equipo sub 21 do Liverpool FC, que compite na Premier League 2 (a liga dos equipos filiais). Malia iso, foi convocado por primeira vez co primeiro equipo en competición oficial nun encontro de liga contra o Fulham FC , e o 27 de agosto de 2022, debutou co primeiro equipo do Liverpool FC na Premier League: xogou os 20 minutos finais do partido que acabaría con vitoria por 9-0 ao AFC Bournemouth[4], unha das malleiras máis amplas da historia da competición inglesa.
O 23 de agosto de 2022 convocouno a Selección de fútbol sub-19 de España para disputar dous encontros amigables en Israel.[5] Internacionalmente, podería xogar tanto con España como con Serbia.
Vida persoal
O seu irmán Jovan tamén xoga ao fútbol, nas categorías inferiores do Celta.
Notas