O seu primeiro campionato de España de piragüismo conseguiuno ese mesmo 1996. En xullo de 2001 proclamouse campioa de Europa de K2 200 metros no Campionato Europeo celebrado en Milán, xunto á sevillana Beatriz Manchón. Ademais foron prata na proba dos 500 metros.[1]
Un mes despois, no Campionato Mundial celebrado en Poznan, coroouse campioa do mundo xunto a Manchón no K2 200 metros. No mesmo campionato participou tamén nas probas de 500 e 1000 metros, logrando o bronce nas dúas distancias.[2] Ao ano seguinte en Szeged, revalidou o ouro europeo en K2 200, ao que sumou un ouro en K4 200, formando equipo con Manchón, Teresa Portela e María García, e un bronce en K2 500. No Mundial disputado en agosto en Sevilla, gañou o seu segundo título mundial en K2 200, ademais da prata en K4 200 e dous bronces en K2 500 e K4 500.[3]
Logo de obter unha nova medalla de bronce nos campionatos de Europa de Milán, en 2008, na categoría de K-4 500m, clasificouse para disputar os Xogos Olímpicos de Pequín. Fíxoo en dúas categorías: na primeira delas, o K2 500, participou con Beatriz Manchón, sen conseguir meterse na final;[4] pola contra, no K4 500, conseguiu un diploma olímpico ao rematar quinta na final, formando equipo con Beatriz Manchón, Teresa Portela e Jana Smidakova.[5]
No ano 2009 conseguiu a súa oitava e derradeira medalla nun Mundial. Foi na proba de K4 500 metros, onde se fixo coa medalla de bronce.[6] Ao ano seguinte logrou tamén o bronce no europeo, na mesma distancia.