Sociedad Hijos de Silleda

Sociedad Hijos de Silleda
Tipoasociación
Data de fundación1908
SedeBuenos Aires
PaísArxentina
editar datos en Wikidata ]

A Sociedad Hijos de Silleda foi unha sociedade de emigrantes galegos do concello de Silleda na Arxentina, fundada en 1908.

Historia e características

Fundada en 1908 por Victoriano Souto, Antonio Carballo e Antón Alonso Ríos, creou tres escolas noutras tantas parroquias do concello: no ano 1917 inaugurouse a Escola Rosalía de Castro no lugar de Freixeiro (Laro); posteriormente, abriu a Escola Bernardino Rivadavia na Penadauga (Escuadro), e por último a Escola Francisco Giner de los Ríos no Marco (Siador)[1]. Foi unha das sociedades promotoras en 1921 da Federación de Sociedades Gallegas Agrarias y Culturales.

O 15 de agosto de 1933 celebrouse na serra do Candán unha festa para conmemorar o XXV aniversario da sociedade, organizado pola corporación municipal de Silleda, a delegación de Hijos de Silleda e as sociedades agrarias do concello. No acto participaron Ramón de Valenzuela, Ramón Suárez Picallo, Eduardo Blanco Amor e Antón Alonso Ríos.

No ano 2009 o goberno municipal de Silleda cambiou a denominación do tramo final da rúa Arxentina por rúa Sociedad Hijos de Silleda[2].

Notas

  1. Malheiro Gutiérrez, Xosé Manuel (1998). "A Sociedade de emigrantes Hijos de Silleda e o seu proxecto escolar realizado desde América". Revista Galega de Educación (31): 81–85. 
  2. "El callejero de Silleda modifica el nombre de 10 rúas y bautiza a otras 6". Faro de Vigo (en castelán). 26 de setembro de 2009. 

Véxase tamén

Ligazóns externas