Un sinal de son é un sinal analóxico electricamente exacto a un sinal sonoro; normalmente está acoutado ao rango de frecuencias audibles polos seres humanos que está entre os 20 e os 20.000 Hz, aproximadamente (o equivalente, case exacto a 10 oitavas).
Dado que o son é unha onda de presión requírese un transdutor de presión (un micrófono) que converta as ondas de presión de aire (ondas sonoras) en sinais eléctricos (sinais analóxicos).
A conversión contraria realízase mediante un altofalante, que converte os sinais eléctricos en ondas de presión de aire.
Un só micrófono pode captar adecuadamente todo o rango audible de frecuencias, en cambio para reproducir fidedignamente ese mesmo rango de frecuencias requírense dous altofalantes (de agudos e graves) ou máis.
Un sinal de son pódese caracterizar, someramente, pola súa dinámica (valor de pico, rango dinámico, potencia, relación sinal-ruído) ou pola súa composición espectral (ancho de banda, frecuencia fundamental, harmónicos, distorsión harmónica etc.).
Así, por exemplo, un sinal que represente voz humana (sinal vocal) non adoita ter información relevante máis alá dos 10 kHz, e de feito en telefonía tómanse só os primeiros 3.8 kHz. Con 2 kHz basta para que a voz sexa comprensible, aínda que non para recoñecela.
Véxase tamén
Outros artigos