O sanmartiño ou peixe de San Pedro (Zeus faber) é un peixe do xénero Zeus de gran distribución.
É un peixe comestible de augas profundas cun corpo comprimido lateralmente de cor oliva-amarelo que ten unha gran mancha escura no seu costado, e grandes espiñas na aleta dorsal. A súa mancha escura utilízaa como un 'ollo malvado' no caso de que se lle achegue algún perigo. Os seus grandes ollos diante da cabeza proporciónanlle unha visión bifocal e percepción da profundidade, cualidades importantes para os depredadores. A mancha en forma de ollo dos laterais do Sanmartiño tamén confunde á presa, que son engulidas coa súa gran boca.
Sinonimia
- Peixe de Samartiño, peixe samartiño, samartiño
- Peixe de San Pedro
- Peixe galo, galo de mar
- Pirlo
O nome de peixe de san Pedro provén da lenda que conta que san Pedro pescou un destes peixes e, ó subilo a bordo, queixouse tan penosamente que o santo decidiu devolvelo ó mar. Para facelo, colleuno cos dedos índice e polgar, deixando as pegadas da presión dos dedos sobre a súa pel, que quedaron formando esas manchas características. Outra lenda conta que san Pedro deixou esas manchas cando colleu un peixe co fin de coller da súa boca a moeda que levaba na boca e poder pagar con ela os tributos.
En Galicia, esta lenda atribúese a san Martiño, o que explica que aquí reciba este nome. Outra posible orixe pode ser que este peixe está en sazón no mes de novembro.
Os nomes de galo e peixe galo proceden das longas aletas dorsais que lembran a crista do galo.
Galería de imaxes
Véxase tamén
Bibliografía
- SANTAMARINA, Antón (ed. e dir.): Diccionario de diccionarios. Fundación Pedro Barrié de la Maza, Instituto da Lingua Galega, 3ª ed. 2003.
Ligazóns externas