SECOR (acrónimo de Sequential Collation of Range) ou EGRS (Electronic & Geodetic Ranging Satellite) foi o nome dunha serie de satélites xeodésicos para determinar puntos sobre a superficie terrestre con gran precisión.[1][2][3]
Características
Os satélites SECOR foron usados durante os anos 1960 para formar unha constelación coa que determinar a posición de puntos sobre a superficie terrestre con gran precisión ó longo de grandes distancias. O sistema completo consistía nos satélites e varias estacións en terra, algunhas delas nos sitios dos que se quería determinar a posición. Desde tres estacións con posicións coñecidas se enviaban sinais de radio aos satélites, que as devolvían, determinándose a súa posición no espazo con precisión. Coñecendo estas posicións, a posición da estación problema podía calcularse matematicamente mediante os sinais entre a estación e os satélites. Construíronse dous tipos de satélites SECOR, os tipos I e II.[1][2][3]
SECOR Tipo I
Os SECOR Tipo I eran satélites en forma de esfera de 50,8 cm de diámetro e nove antenas sobresaíndo. Estaban deseñados para ser sinxelos e tiñan un tempo estimado de vida en órbita dun ano. A súa superficie era de aluminio pulido cunha fina capa de monóxido de silicio para axudar como regulador térmico. A alimentación eléctrica corría a cargo de seis pequenos paneis solares de 20 cm de diámetro equidistantes na superficie do satélite. Tan só se lanzaron dous satélites do tipo I.[1][3]
SECOR Tipo II
Os SECOR Tipo II tiñan forma de caixa e eran máis compactos que os Tipo I, cunhas dimensións de 25,2 x 29,8 x 34,9 cm. Tiñan unha masa duns 18 kg e a súa superficie estaba case toda cuberta por células solares. Tiñan tamén nove antenas e estaban pensados para poder ser lanzados como carga secundaria e máis barata. Estaban construídos principalmente en aluminio e lanzáronse 13, fallando 3.[1][2][3]