Rufino Jesús Redondo Senra, nado en Oleiros o 1 de xuño de 1912[1] e finado en Ferrol o 18 de decembro de 1936, foi un mestre e político galego.
Traxectoria
Estudou maxisterio na Escola Normal de Santiago de Compostela[2] Foi nomeado mestre interino de Mera de Arriba (Ortigueira) en setembro de 1933.[3] Despois foi mestre de Devesos. Militante de Izquierda Republicana, foi nomeado concelleiro de Cedeira en 1936.
Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 foi detido canda outros dirixentes políticos e sindicais de Cedeira. Foi suspendido definitivamente como mestre en novembro.[4] Xulgado en consello de guerra en Ferrol por rebelión militar, foi condenado á pena de morte. Foi executado no castelo de San Filipe o 18 de decembro canda Manuel Fernández Freijeiro, Enrique Alonso Teijeiro, José Cipriano Durán Fraguela, Ginés Fernández Rodríguez, Miguel Fernández Santos, Antonio Castillo Domínguez, Isaac Forneiro Varandela, Antonio Iglesias Freire, Enrique Martínez Teijeiro, Francisco Rodríguez N., José Lago Beceiro, Adolfo Bouzón Teijeiro e Antonio Ameneiro Brage.[5]
A súa muller María Angélica Aneiros Menéndez, de nacionalidade arxentina, o seu fillo Fernando e o resto da familia, seguindo as súas indicacións nas cartas que lles enviou desde a prisión, marcharon ao exilio. Nas cartas Rufino pediulles que non seguisen en Cedeira por temor a que as autoridades franquistas os executasen e que a súa muller fixera valer a súa nacionalidade para fuxir. Finalmente pasaron a Portugal e acabaron embarcando rumbo á Arxentina.[6]
Notas
- ↑ Primer escalafón de maestros de escuelas nacionales existentes en 31 de diciembre de 1933. Madrid: Ministerio de Instrucción Pública y Bellas Artes. 1934. p. 38.
- ↑ El Eco de Santiago, 22-3-1932, p.2.
- ↑ El Compostelano, 28-9-1933, p. 1.
- ↑ El Compostelano, 13-11-1936, p. 2.
- ↑ El Compostelano, 19-12-1936, p. 2.
- ↑ José Luis Estévez (7 de marzo de 2011). "Cartas desde el infierno". El País (en castelán).