O escritorespañolJavier Marías ostentou o título de Rei de Redonda en termos literarios; con todo, outras tres persoas reclamaron o verdadeiro título do Reino. Este artigo céntrase na versión literaria, pero inclúe unha sección onde se presentan as controversias.
Historia do Reino
Matthew Shiell comprou a illa de Redonda en 1865, cando naceu o seu primeiro fillo, Matthew Phipps Shiell (autor M. P. Shiel). Pediu o título de Rei de Redonda á Raíña Vitoria do Reino Unido, quen llo concedeu coa condición de que non houbese ningún tipo de política oposta aos intereses coloniais británicos (ou sexa, mentres que o seu reinado fose ficticio).[1]
M.P. Shiell cedeu o título a un escritor que protexía, John Gawsworth, a quen, ademais, deixoulle os dereitos da súa obra. Aparentemente, Gawsworth, debido ao seu continuo estado de bancarrota, vendeu varias veces o título, o que provocou unha longa polémica sobre quen é o verdadeiro rei. Como sexa, Gawsworth cedeulle o título, os dereitos da súa obra e a de Shiell a John Wynne-Tyson (tamén un escritor). Cansado dos problemas do Reino, Wynne-Tyson abdicou do seu trono na década dos 90, cando, logo de ler Todas as almas (onde Gawsworth aparece como personaxe), outorgoulle o trono e os dereitos da obra de Shiell e Gawsworth a Javier Marías. Marías escribiu algúns detalles sobre como se converteu en Rei de Redonda en Negras costas do tempo.
O 11 de setembro de 2022 Javier Marías morreu en Madrid, deixando en xogo o trono. Ao parecer, Javier I nomeou como sucesor ao escritor colombiano Juan Gabriel Vásquez[2], aínda que este candidato ao trono aclararía que nunca tivo lugar unha cerimonia oficial de nomeamento[3].
En agosto de 2022, o escritor español Javier Diéguez viaxou á illa de Redonda e alí deixou, en homenaxe a Javier Marías e aos anteriores monarcas do reino de Redonda, algúns libros de Javier Marías, M. P. Shiel e Jon Wynne-Tyson[4]. O libro 'Redonda' de Javier Diéguez é unha narración da súa viaxe á illa[5], ademais dunha homenaxe póstuma a Javier Marías.
Controversias
Max Legget sostén ser Rei de Redonda porque en 1950, durante unha estancia en Toronto, Gawsworth estivo hospedado en casa dos seus pais e prometeu verbalmente á parella que se tiñan un fillo home este sería o seu herdeiro.
William Leonard Gates sostén ser o lexítimo herdeiro ao trono da illa baixo o nome de Rei Leo e que Wynne-Tyson foi nomeado soamente como testamenteiro literario (literary executor, en inglés) no testamento de Gawsworth, polo tanto recoñece a Javier Marías como o novo testamenteiro literario dos primeiros reis. Rei Leo de Redonda, "King Javier Marías"" King Leo's Reply!!" en inglés. O seu reclamo está baseado en que Gawsworth nomeou a Arthut John Roberts (Rei Xoán II, segundo esta versión) como o herdeiro mediante un convenio irrevogable, asinado o 20 de outubro de 1966 e que fornecería efecto a partir da súa morte, sucedida en 1967. Roberts á súa vez nomearía a Gates como sucesor en 1989. Outra das razóns polas que Gates se considera o herdeiro lexítimo é porque, segundo sostén, posúe o Arquivo Real de Redonda; con todo, negouse a presentar publicamente os documentos da súa acreditación.
Robert Williamson, autonomeado Rei Roberto o Calvo (King Robert the Bald), sostén o seu reinado como herdeiro de Wynne-Tyson argüindo que cando este lle comentou á hora do té que consideraba outorgarlle o trono a Javier Marías indignouse ante a idea de devolver a un español un territorio onde o Imperio Británico investira miles de libras esterlinas para expulsar xustamente a esa nación do Caribe. Como consecuencia decidiu pedirlle o título a Wynne-Tyson, quen, segundo a páxina web de Williamson, respondeulle cunha carta na que o nomeaba o seu sucesor.
Reis de Redonda
(Esta lista baséase exclusivamente nos nomeamentos literarios e, polo tanto, exclúe todas as controversias.)
O Rei Xavier I comezou a outorgar títulos nobiliarios a personalidades das artes, do mesmo xeito que os seus antecesores. Aquí se enlistan, alfabeticamente, os nobres seguidos do ano do seu nomeamento. Os escritores e cineastas elixidos pola corte da illa como gañadores do Premio Reino de Redonda reciben, ademais dun premio monetario, un ducado.