Antes considerábase pertencente á especie Arvicola terrestris, pero presentaba dúas formas ecolóxicas: a cavadora, que habita nos macizos montañosos do suroeste e centro de Europa, e a semiacuática, que ocupa o resto da súa área de distribución. Recentemente propúxose unha nova configuración taxonómica na que os representantes semiacuáticos serían unha subespecie de Arvicola amphibius, e os morfotipos cavadores, que ocupan certos macizos montañosos europeos, pertencerían a Arvicola scherman. Segundo esta clasificación, as poboacións ibéricas corresponderían a esta última especie.
Descrición
É unha especie de gran variabilidade morfolóxica ao longo da súa área de distribución. Na Península Ibérica está representada por morfotipos de pequeno tamaño, con dimensións corporais sensiblemente menores que a rata de auga común (Arvicola sapidus), e co rabo máis curto. Especie sen dimorfismo sexual, a coloración do pelame de A. scherman é diferente incluso a escala intrapoboacional, variando desde o pardo escuro ou pardo amarelado ata o gris; os flancos desde o pardo amarelado ou ocre ata o gris claro; na zona ventral predominan os tons agrisados e o rabo é xeralmente bicolor.
Especie herbívora, ocupa principalmente prados naturais situados en niveis altitudinais variables, desde o nivel do mar ata prados alpinos próximos aos 2.000 metros de altura. En terreos cultivados e prados de forraxe esta especie pode chegar a constiuír unha praga agrícola.
Nalgunhas zonas da súa área de distribución, pode constituír un reservorio de tularemia e ser hóspede intermediario de varias especies de parasitos.
Depredación
É presa habitual das aves rapaces, como o bufo pequeno, (Asio otus) e a curuxa (Tyto alba) e de carnívoros de tamaño medio.
Musser, G. G. e M. D. Carleton. 2005. Superfamily Muroidea. pp. 894–1531 in Mammal Species of the World a Taxonomic and Geographic Reference. D. E. Wilson e D. M. Reeder eds. Johns Hopkins University Press, Baltimore.