Para outras páxinas con títulos homónimos véxase:
Rapanui.
Rapa-Nui é un filme estadounidense dirixido por Kevin Reynolds e co-producido por Kevin Costner que se estreou nos cinemas en 1994. O argumento baséase nas lendas rapanui da Illa de Pascua, e conta a historia de dous namorados na época da construción das enormes esculturas moai e do culto Tangata Manu.
Sinopse
En 1722, o holandés Jacob Roggeveen descubriu unha illa no Pacífico Sur, cuxos habitantes chamaban Rapa Nui, e bautizouna como Illa de Pascua. 42 anos antes, un enfrontamento entre as clases sociais indíxenas convulsionou toda a illa. Os Orellas Curtas, clase inferior, construían as famosas estatuas moai por orde da clase nobre, os Orellas Longas. Só os Orellas Longas participaban na competición anual que determinaba quen sería o novo Ariki-mau ou Home Paxaro (o líder da illa durante un ano). Noro (Jason Scott Lee), é un dos mozos que competirá no próximo certame, e está namorado dunha rapaza dos Orellas Curtas, Ramana (Sandrine Holt). O seu amor só será posible se el supera a proba e ela acepta pasar as lúas que restan ata o día da competición dentro dunha escura e pequena cova.
Por outra banda, o mellor amigo de Noro, Make, é un Orellas Curtas. El tamén está namorado de Ramana, pero o seu amor non é correspondido, polo que reta ó Ariki-mau a participar na carreira con ela como premio. A cambio, os Orellas Curtas deberán rematar un novo moai para que Make poida participar, e no caso de que este perdese terá que pagalo coa súa vida.
Personaxes
Exactitude histórica
O filme pode considerarse unha historia condensada do colapso da civilización da Illa de Pascua, xa que o argumento mestura elementos de dous períodos: a era da construción dos moai, e o posterior culto do Tangata Manu ou Home-Paxaro. Se o conflito entre os Orellas Longas e os Orellas Curtas foi real, este ocorreu moito antes de que comezase o culto do Home-Paxaro.
O nome Rapa Nui, frecuentemente empregado, non é o nome nativo orixinal da illa; é máis probable que sexa Te Pito te Henua ("o embigo do mundo"), termo empregado no filme.[2]
Notas
Véxase tamén
Outros artigos