Santa María de Régoa é unha parroquia que se localiza no concello de Cedeira, na comarca de Ferrol. Segundo o padrón municipal de 2007 tiña 398 habitantes (201 homes e 197 mulleres), distribuídos en 25 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 442 habitantes.
Xeografía
A parroquia de Régoa esténdese polas vertentes occidentais da Serra da Capelada, parte do val do río Condomiñas até os cumes da dita Serra da Capelada e mesmo parte da vertente oriental até os afluentes do río Seixo. Limita ao noroeste co océano Atlántico, entre a Boca da Ribeira e os cantís do monte da Herbeira; polo leste as parroquias de Landoi dende o rego Couce do Arresto, afluente do Seixo, até o rego do Ameneiro na Pasada das Mestas e a de Veiga polos altos da Capelada; polo sur linda coa parroquias de Montoxo separada polo rego do Feal até a ponte de Braxe e coa de Piñeiro na fonte da Balteira e o rego da Pontigas; polo oeste limita coas parroquias de Cedeira no río Condomiñas e a de Cervo.
A estrada que vai dende Cedeira até Chímparra cruza a parroquia polos lugares de Pontigas, Nogueira, O Canaval, Igrexa, Barral e Malde.
Patrimonio
Na beira dereita do regato do Barral e moi preto do Canaval está a igrexa parroquial na honra de Santa María. Se ben ten moita máis sona o santuario de Santo André de Teixido, erguido nun pequeno val pendurado do cantil, sobre unha antiga ermida pequena e que conta cun altar churrigueresco de certa notoriedade. Segundo Federico Maciñeira foi erguida no ano 1655 e reformada no 1785.
Lugares e parroquias
Lugares de Régoa
Parroquias de Cedeira
Notas
Véxase tamén
Outros artigos