Que veñen os rusos (en inglés: The Russians Are Coming, the Russians Are Coming) é unha comedia estadounidense de 1966 dirixida por Norman Jewison en Panavision. Está baseada na novela de Nathaniel BenchleyThe Off-Islanders, e foi adaptada ao cinema por William Rose.
Un submarino da mariña soviética chamado Спрут achégase demasiado á costa de Nova Inglaterra unha mañá de setembro cando o seu capitán (Theodore Bikel) quere botar un ollo aos Estados Unidos e embarranca nun banco de area preto da ficticia illa de Gloucester, en Massachusetts, cunha importante poboación de turistas no verán, pero agora reducida a douscentos habitantes. En vez de pedir axuda por radio e arriscarse a un vergoñento incidente internacional, o capitán envía unha partida de sete homes liderada polo seu zampolit o tenente Yuri Rozanov (Alan Arkin), para que atope un motor que axude a liberar o submarino. Os homes chegan á casa de Walt Whittaker (Carl Reiner), dramaturgo neoiorquino de vacacións.
Aínda que o filme está ambientado na ficticia illa de Gloucester na costa de Massachusetts, foi rodado na costa norte de California, principalmente en Mendocino. As escenas do porto foron filmadas en Noyo Harbor en Fort Bragg, California, unhas sete millas ao norte de Mendocino. A causa da rodaxe na costa oeste, as escenas do amencer do comezo do filme foron rodadas realmente ao solpor empregando un filtro rosa.[4]
O submarino empregado era falso. A mariña estadounidense rexeitou emprestar un para a produción e prohibiu que o estudio trouxese un submarino ruso real.[5] A Mirisch Company alugou unha maqueta dun submarino que xa fora usada no filme de 1965 Morituri.[6]
O filme foi un éxito de crítica e público. Segundo Norman Jewison, o filme (estreado en plena guerra fría) tivo un impacto considerable tanto en Washington como en Moscova. Foi un dos poucos filmes estadounidenses da época en que aparecía unha visión positiva dos rusos. O senador Ernest Gruening menciounou o filme nun discurso no Congreso, e proxectouse unha copia do filme no Kremlin. Segundo Jewison, cando se presentou na unión de escritores cinematográficos soviéticos, Sergei Bondarchuk rompeu a chorar.[7]
Notas
↑Tino Balio, United Artists: The Company That Changed the Film Industry, University of Wisconsin Press, 1987 p. 186