Pío Rodríguez-Terrazo Blanco, nado en 1800 en Berán (Leiro)[1] e finado en Santiago de Compostela o 26 de xaneiro de 1872[2], foi un xurista e político galego.
Traxectoria
Fillo de Pedro Rodríguez-Terrazo e Ángela Blanco, estudou Leis na Universidade de Santiago de Compostela desde 1820. Tivo problemas en 1825 para matricularse polos seus antecedentes liberais, rematando a carreira en 1830.
Afincouse en Santiago de Compostela como avogado e despois como fiscal. Foi o primeiro alcalde de Santiago de Compostela (1834) e líder do progresismo en Compostela (1840-1847) formou parte de todas as xuntas revolucionarias dos pronunciamentos. Fundou o periódico La Situación de Galicia (1842-1843). Foi presidente da Xunta Superior Provisional de Goberno de Galicia durante o levantamento de 1846 e formou comisións encargadas de abordar plans para a administración de Galicia. Despois da derrota dos sublevados exiliouse a Portugal e regresou en 1847 para dedicarse aos negocios familiares e a avogacía. Os seus derradeiros anos foi Promotor Fiscal do Xulgado de 1ª instancia de Santiago.
Vida persoal
Estivo casado dúas veces: a primeira, con Joaquina Rodríguez Feijóo, que era paisana súa, nada na mesma localidade leirensá; a segunda, desde 1869, con Ignacia Jauriguiberri Martiarena, quen empregou ocasionalmente o apelido Palacios (jauregiak en [lingua éuscara], tomando o primeiro lexema do primeiro apelido), como tamén facía o seu pai en lugar do seu apelido vasco.
Notas
- ↑ Padrón veciñal de Santiago. Ano de 1865. Parroquia de Santa Susana (Arquivo Histórico Universitario de Santiago-sg.AM 1029, p.61r). Nesta fonte dise que conta 65 anos, é natural de Berán e está viúvo. Tamén se indica que é Promotor Fiscal.
- ↑ El Diario de Santiago, 26-1-1875. Tódalas necrolóxicas de anos sucesivos informan que o ano da súa morte foi o de 1872; mais, na necrolóxica publicada en La Gacetilla de Santiago, en 25 de xaneiro de 1873, dise que foi en 1871.
Véxase tamén
Bibliografía
Outros artigos