A psila africana ou psílido africano dos cítricos[1], Trioza erytreae, é un insecto hemiptero da familia Triozidae. É unha importante praga do xéneroCitrus(os cítricos) sendo coa especie Diaphorina citri os únicos vectores coñecidos da grave doenza producida por Candidatus Liberibacter coñecida como Huanglongbing, HLB ou "Citrus Greening". Trátase dun insecto chuchador amplamente distribuído por África onde frecuentemente é portador da enfermidade HLB.[2]
Recentemente, este insecto foi detectado por vez primeira en Europa tras a súa aparición en Galicia e no Norte de Portugal malia non se teren aínda detectado casos de HLB neste país.[3]
Distribución
O psílido dos cítricos atópase no Camerún, as Illas Comores, Etiopía, Kenya, Madagascar, Malawi, Mauricio, Reunión, Ruanda, Suráfrica, Santa Helena, o Sudán, Swazilandia, Tanzania, Uganda, Zaire, Zambia e Zimbabwe. Tamén se atopa en Arabia Saudita, Iemen e nos arquipélagos da Macaronesia de Madeira e as illas Canarias.[2][4] Recentemente introduciuse en Galicia e no Norte de Portugal. Con todo, o "Citrus Greening" aínda non se detectou.[3]
Descrición
Morfoloxía
As posturas de ovos localízanse nas marxes das follas novas. Estes ecloden pasados uns 10 días e as ninfas comezan a se alimentar no revés da folla, producindo bugallos e a deformación das follas.[5] Os adultos son alados e comezan sendo pálidos mais escurécense co tempo até tomar unha cor acastañada. A femia é máis grande ca o macho, aínda que a característica máis distintiva é que cando se alimentan forman un ángulo duns 35 graos coa superficie vexetal.[2]
Desenvolvemento
Unha femia de psila pode pór até 2000 ovos ao longo da súa vida (a cal dura entre 4 e 7 semanas).[2] O clima seco e cálido é moi negativo para o seu desenvolvemento preferindo climas lenes e húmidos coma o galego. En Suráfrica poden chegar a ter 8 xeracións ao ano.
Localización na planta
T. erytreae vive excusivamente sobre plantas da familia Rutaceae, tanto cultivadas como espontáneas. Prefiren os gomos novos e tenros para se alimentar e desenvolver o seu ciclo de vida.
A lista de especies vexetais hospedantes, sobre as que a psila se pode desenvolver, son as seguintes: Casimiroa edulis, Choisya ternata, Citroncirus webberi, Citrofortunella microcarpa, Citrus L., Clausena, Fortunella, Murraya koenigii, Poncirus trifoliata, Vepris lanceolata e Zanthoxylum capense[6].
Galicia e Norte de Portugal
Afecta a laranxeiras, limoeiros e mandarineiros do país. Apareceu por vez primeira en Galicia na provincia de Pontevedra a finais de 2014. Antes disto, a presenza da psila africana só fora detectada no espazo administrativo europeo na illa de Madeira (en 1994 na Illa de Porto Santo) e, despois, en 2002, nas Canarias. Entrou en Galicia dende a comarca arousana e, en 2015, detectouse en árbores de Vilagarcía de Arousa, Cambados, A Illa de Arousa, O Grove, Sanxenxo, Poio, Pontevedra e Cangas. Tamén ten xa presenza no Norte de Portugal. A Consellería do Medio Rural puxo en marcha un dispositivo especial para saber onde se atopa o insecto e proceder ao seu control e evolución. No Norte de Portugal os primeiros síntomas desta praga foron observados nos concellos do Porto e Matosinhos, en xaneiro de 2015. É a División de Protección e Control Fitosanitario da Estación de Avisos de Entre Douro e Miño quen leva o control (Direção Regional de Agricultura e Pescas do Norte). En novembro de 2015 foi detectada na rexión Centro de Portugal, en Esmoriz.
Gravidade e control
En maio de 2019[7], non habendo presenza da bacteria que causa a enfermidade HLB en Galicia, a Consellería do Medio Rural aconsellaba tratar a praga e dar aviso ao Servizo de Explotacións da Consellería do Medio Rural, achegando os datos persoais, a localización da leira afectada e o número de árbores que sufrían a presenza da psila africana.
En hortas e xardíns, tanto públicos como privados, as recomendacións para a erradicación da psila daban tres opcións[7]:
Destrución das árbores infestadas in situ, mediante arranque e posterior eliminación do material vexetal (queima ou enterramento profundo con compactación do chan). O traslado do material vexetal deberá realizarse de forma que se evite a dispersión da praga empregando lonas ou mallas antitrips, ou ben
Tratamento herbicida que mate a árbore, ou ben
Poda severa de todos os brotes, posterior eliminación do material vexetal (queima ou enterramento profundo con compactación do chan) e aplicación de tratamentos insecticidas sistémicos, con produtos autorizados, en canto se dea a nova brotación. O seguimento e a continuidade dos tratamentos despois da brotación son moi importantes nesta terceira opción polo que debe existir un compromiso por parte da Autoridade competente e o propietario de realizar o seguimento.
Dado que a praga pode ter ata 8 xeracións por ano, cómpre facer tratamentos continuos nun prazo de dúas ou tres semanas e resulta conveniente a alternancia de produtos autorizados con diferentes modos de acción[7][8].
En Portugal recomendan comprar as árbores en lugares de venda autorizados polos servizos oficiais do Miniterio da Agricultura; nunca adquirir plantas cos síntomas falados, non enxertar con garfos provenientes de árbores infestadas. Ademais, cómpre observar atentamente as árbores e cortar e queimar de inmediato as pólas con síntomas da praga en lugares debidamente autorizados. Tamén se debe contactar cos servizos da División de Protección e Control Fitosanitario da Estación de Avisos de Entre Douro e Miño para informar da peste.
Danos nos cultivos
Os danos directos producidos por esta praga caracterízanse pola deformación dos gomos tenros e a formación de numerosos bugallos que depauperan a planta.
Con todo, os danos máis importantes que causa esta peste son indirectos ao ser o principal axente transmisor da bacteria Candidatus Liberibacter africanus que causa a doenza do "Citrus Greening" ou "Huanglongbing" nos países onde a bacteria está presente.[9]
Control
Control biolóxico
En Rodesia foron detectados os parasitoidesTerrastichus radiatus, Psyllaephagus pulvinatus.[10] . En Runión e Mauricio introduciuse con éxito o parasitoide Tamarixia Dryi.
Control químico
Entre os produtos máis utilizados actualmente atópanse o dimetoato e os piretroides.