Un pseudópodo (do grego pseudos falso e de podo pé) é unha prolongación do citoplasma dalgúns organismos unicelulares como as amebas, na cal unha serie de proteínas van fluír nun sentido mediante as fibras de miosina. Isto servirá ó organismo para se desprazar ou se alimentar.
Funcións
Locomoción. Os pseudópodos constitúen un dos tres modos da locomoción dos organismos unicelulares (xunto con flaxelos e cilios).
Alimentación. Os pseudópodos rodean o alimento ata encerralo nun vacúolo (fagocitose). A fagocitose preséntase en diversos grupos do protistas, pero tamén nalgunhas células (fagocitos) de organismos pluricelulares.
Clasificación segundo a súa morfoloxía
Os pseudópodos poden ser de varios tipos segundo o seu aspecto:
Lobopodios: grosos, curtos e con extremos arredondados, típicos de Amoebozoa.
Reticulopodios: tamén coñecidos como pseudópodos reticulados, é onde os finos pseudópodos individuais se amorean entre si e forman unha rede irregular no exterior do protozoo. Preséntanse nos foraminíferos.
Axopodios:[2] son pseudópodos finos, longos e ríxidos. Conteñen complexos grupos de microtúbulos envolvidos por citoplasma. Obsérvanse en radiolarios e en heliozoos. Tamén reciben o nome de actinopodios. Utilízanse principalmente para a alimentación, xa que interveñen na fagocitose ao retraerse rapidamente en resposta a un contacto físico.[3]
Lamelipodios: son pseudópodos anchos e planos como lamelas usados na locomoción.[3] Están soportados por microfilamentos que se forman no bordo de avance, creando unha rede enguedellada interna.[4]