O proceso de fusión de Caixanova e Caixagalicia, habitualmente coñecido como a fusión das caixas galegas, por seren estas dúas as principais caixas de aforros do país, foi un proceso que culminou o 18 de outubro de 2010, cando as asembleas de Caixanova e Caixa Galicia, reunidas en candansúa sede (Vigo e A Coruña respectivamente), acordaron e ratificaron o proxecto co que se constitutía unha caixa de aforros única. O resultado desa fusión foi unha caixa de aforros denominada Novacaixagalicia, valorada en 78.076 millóns en activos.[1]
A entidade resultante pasou a chamarse Novacaixagalicia, e posteriormente sufriu unha serie de mudanzas, nacionalizacións e reconversións até se converter na entidade denominada ABANCA.
Historia
A necesidade dunha fusión das caixas galegas agromou como unha solución alternativa factíbel á liquidación e quebra de Caixa Galicia, por mor dos seus problemas de tesourería e deficiente xestión. A caixa coruñesa comezou a evidenciar problemas técnicos a comezos de 2007. Unha infrutuosa aposta pola expansión en zonas coma o Levante ou Andalucía, sumada a un investimento excesivo en bens inmobiliarios, levou a comezos da crise española da burbulla inmobiliaria a Caixagalicia a unha situación de quebra técnica.[2]
A fusión das dúas principais caixas de aforros galegas coma solución aos problemas de Caixagalicia foi vista como apta polo goberno da Xunta de Galicia. Tamén o Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB) asumiu a fusión como solución a dito problema.
Tras un primeiro proxecto de reestruturación do sistema financeiro galego, inicialmente Caixanova negouse a aceptar as condicións da fusión.
Finalmente, e tras diferentes acordos, os Consellos de Administración das dúas caixas participantes optaron por unha integración absoluta de ambas institucións, dando nacemento á nova entidade o 1 de decembro de 2010 con anuncios oficiais en prensa.
O 22 de decembro dese mesmo ano, o FROB anunciou un desembolsamento de 1.162 millóns de euros para a caixa resultante da fusión.[3] Tras o anuncio da utilización de parte dos fondos achegados polo FROB para a reestruturación e ordenación da rede de oficinas e de persoal, procédese a dar a coñecer co novo nome comercial á entidade, Novacaixagalicia, que posteriormente iría mudando a marca en toda a rede de oficinas, así como na correspondencia oficial.[4]
Após a integración, establécense dous copresidentes na entidade, e os consellos de administración de ambas entidades fusiónanse tamén nun Consello de Administración único, formado de xeito proporciona e igualitario por conselleiros das dúas caixas. Establécense tamén os diferentes consellos territoriais.