A proba rápida de urease ou test rápido de/da urease, tamén chamada proba CLO (Campylobacter-like organism, de organismos de tipo Campylobacter), é unha proba de diagnóstico rápida para detectar a bacteria Helicobacter pylori, que pode orixinar úlceras pépticas.[1] A proba está baseada na capacidade de H. pylori de segregar o encima urease, o cal cataliza a conversión da urea en amoníaco e dióxido de carbono.
A proba realízase no momento en que se fai unha gastroscopia. Extráese unha biopsia da mucosa do antro do estómago, e sitúase nun medio que contén urea e un indicador como o vermello fenol. A urease producida por H. pylori hidroliza urea a amoníaco, o que eleva (fai máis básico) o pH do medio, e cambia a cor da mostra analizada de amarelo (que indica resultado negativo) a vermello (positivo). Analogamente, coas especies bacterianas que non producen urease a proba é negativa.
Limitacións
Como non hai evidencias que suxiran que H. pylori se move a zonas proximais do estómago en pacientes sometidos a terapia con inhibidores da bomba de protóns, neses casos deben tomarse mostras de zonas máis distais do estómago como o fondo (fundus) e corpo do estómago.
As hemorraxias gastrointestinais activas reducen a exactitude desta proba.[2]
A especificidade e sensibilidade desta proba é alta comparada co exame histopatolóxico ou unha proba parecida, non invasiva e que non require biopsia, chamada proba de alento da urea (ou da urease). A proba rápida da urease elimina o tempo e os gastos necesarios para facer probas patolóxicas de detección de H. pylori.