A primeira batalla do cabo Fisterra foi un enfrontamento naval entre británicos e franceses producido o 14 de maio de 1747, no marco da Guerra de Sucesión Austríaca. Nela batéronse 14 buques de liña británicos dirixidos polo almirante George Anson contra unha frota de 30 navíos franceses comandados polo almirante de la Jonquière.
Contexto
Francia tentaba manter abertas as súas rutas marítimas para manter o seu imperio ultramarino. Con tal fin reunía convois de buques mercantes que viaxaban escoltados por barcos de guerra. Anson e Warren partiron de Plymouth nos buques Prince George e Devonshire o 9 de abril co obxectivo de interceptar un deses convois. Cando o vicealmirante Warren sospeitou que os navíos de guerra franceses ían facer unha manobra para promover a fuga do convoi mercante, comunicoulle a súa opinión ó almirante Anson, e este último lanzou o sinal para levar a cabo unha persecución xeral.
Batalla
O HMS Centurion foi o primeiro navío inglés en chegar ó barco francés máis recuado, que foi atacado fortemente. A acción converteuse en xeral cando outros tres navíos británicos, incluído o HMS Devonshire, chegaron á escena do combate. Os franceses, aínda que moi inferiores en número, loitaron ata as sete do serán, cando tódolos barcos franceses menos dous xa estaban danados, así como nove dos navíos mercantes. Os franceses tiveron 700 baixas entre homes mortos e feridos, por 520 dos británicos.
Consecuencias
Logo da súa vitoria, George Anson foi promovido a vicealmirante e ennobrecido como barón Anson de Soberton. En outubro do mesmo ano, os franceses reuniron outro convoi escoltado moito maior, que de novo foi interceptado nas augas próximas ó cabo Fisterra, nun enfrontamente coñecido como segunda batalla do cabo Fisterra.
Véxase tamén
Ligazóns externas