Este artigo amosa letras cirílicas. Sen o soporte axeitado, o texto pode mostrar símbolos sen sentido, coma caixas, marcas e outros.
O pozo de Darvaza[1] ou cráter de Darvaza, (en turcomán: Jähennem derwezesi, Җәхеннем дервезеси) tamén coñecido como porta ao Inferno, é unha antiga prospección de gas que se atopa no deserto de Karakum, preto da pequena aldea de Darvaza, en Turkmenistán. O deserto, que ocupa o 70% do país ou 350.000 km², é moi rico en petróleo e gas natural.[2]
Este cráter de 69 metros de diámetro, 30 metros de profundidade e unha temperatura no seu interior de 400 °C creouse tras un accidente en 1971 durante unhas obras de prospección de gas de xeólogos soviéticos, quen viron como o seu equipo e as súas tendas eran tragados pola terra. En realidade, descubriran unha cova subterránea chea de gas natural. Temendo que o cráter ocasionase o escape de varios gases naturais perigosos, o equipo decidiu prenderlle lume. Porén, estimaron que extinguiría nalgúns días mais leva catro décadas incendiado. Dende entón arde sen parar e brinda un espectáculo impresionante. Houbo intentos errados por apagar o lume.