A Polska Liga Koszykówki (PLK, do polaco: Liga de baloncesto de Polonia), tamén coñecida por motivos de patrocinio como Orlen Basket Liga, é a máxima categoría do baloncesto en Polonia. A competición consta de 16 equipos, dos cales os oito mellores xogan unha eliminatoria para decidir o campión. Fundada no ano 1928, a liga converteuse en profesional no ano 1995, sendo desde o seu inicio o club máis laureado o Śląsk Wrocław.
Historia
A Liga de baloncesto de Polonia foi fundada no ano 1928, o que a converte nunha das máis antigas de Europa. Con todo, non sería até 1995 cando a competición se converte en profesional, sendo organizada pola Federación de Baloncesto de Polonia (PZKosz). Se durante a década de 1930 a vitoria final foi asunto de equipos de Poznań e Cracovia, despois da segunda guerra mundial chegan ao campionato os clubs máis importantes das cidades de Varsovia e Wrocław. As décadas de 1950 e 1960 viron o enfrontamento entre o Lech Poznań, o Legia Varsovia e o Wisła Kraków.
Os anos 1970 foron, en cambio, un duelo entre o Wybrzeże Gdańsk e o Śląsk Wrocław; mentres que a década seguinte viu o rexurdimento do dominio do Lech Poznan só interrompido polas "fazañas" do Zagłębie Sosnowiec e do Górnik Wałbrzych. Os anos 1990 e o comezos de 2000, coa excepción de dúas vitorias do Znicz Pruszków, marcaron o dominio absoluto do Śląsk Wrocław con dez títulos. Desde 2004 até 2012 a supremacía foi indiscutíbel para Prokom con nove campionatos consecutivos.
Nomes
Ao longo dos anos, debido a motivos de patrocinio, a Liga ten sido coñecida como:
Lech Basket Liga (LBL, 1999–2001)
Era Basket Liga (EBL, 2003–2005)
Dominet Basket Liga (DBL, 2005–2006)
Dominet Bank Ekstraliga (DBE, 2006–2008)
Tauron Basket Liga (TBL, 2010–2016)
Energa Basket Liga (EBL, 2018–2023)
Orlen Basket Liga (OBL, 2023–presente)
Equipos
Os seguintes son os equipos que compiten na temporada 2023−24 da Polska Liga Koszykówki.