O piragüismo en maratón é un deporte no que os piragüistas vogan un kaiak ou unha canoa sobre unha longa distancia.
Se ben a Federación Internacional de Piragüismo establece que as distancias estándar son ata 30 km, moitas carreiras son máis longas.[1] Moitas probas inclúen seccións de ríos con correntes e portaxes para superar obstáculos. Non é unha modalidade olímpica e a máxima competición deste deporte é o Campionato Mundial de Piragüismo en Maratón.
Clases
As probas de piragüismo en maratón divídense xeralmente en diferentes clases. As máis comúns son:
K1
K2
K4
C1
C2
K refírese a un kaiak e C a canoa.[2] O número fai referencia ao número de padexeiros por embarcación.
Distancias
As distancias varían dependendo da clase, o sexo ou a idade. As distancias acostuman a ser as seguintes:
30 km: para as categorías kaiak masculino sénior.
26.25 km: para as categorías canoa, kaiak feminino sénior e kaiak masculino sub23.
22.5 km: para as categorías canoa e kaiak feminino sub23 e kaiak masculino júnior.
18.75 km: para as categorías canoa e kaiak feminino júnior.
Portaxes
Unha portaxe é aquela fase da competición na que o participante debe baixar da embarcación e cargar con ela a pé unha distancia de entre 100 e 300 metros en dirección ao punto no que debe continuar a súa carreira na auga.