Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego.
Que é unha perífrase verbal?
Unha perífrase verbal é unha forma verbal composta de dous verbos que expresa unha soa
idea verbal. As perífrases serven para expresar ideas como a obriga, inminencia, posibilidade etc.
A perífrase ir + infinitivo pode expresar:
- Futuridade: Mañá imos xogar ao fútbol, é dicir, mañá xogaremos ao fútbol
- Intencionalidade: Se me segues amolando coa música, vou coller a radio e vouna tirar polo balcón
- Idea de movemento: Ergueuse e foi pechar a porta
Entre o verbo ir e mais o infinitivo non vai nunca a preposición a, aínda que haxa algún elemento
intercalado no medio: Vai vir cedo no tren / Foi onte comer cos seus pais. Non
debemos poñer a preposición a, pois constitúe un castelanismo.
Perífrase: haber (de) + infinitivo
A perífrase haber + (de) + infinitivo aparece con valor de futuridade, fundamentalmente
co presente e pretérito imperfecto de indicativo: heiche de contar un conto = contareiche un conto.
Con este valor, na lingua actual é máis frecuente o uso das perífrases cás formas simples
de conxugación: Non te apures que non o hei dicir = Non te apures que non o direi.
A perífrase haber + (de) + infinitivo ten tamén valor obrigatorio: Haslle dar unha boa malleira. Tamén ten un valor de futuridade non inmediata: Has de mirar cando vaias alí de novo.
Co pretérito perfecto de indicativo, a perífrase indica unha acción que estivo a piques de realizarse
pero non se realizou: Houbo de esganarse por comer todo apurado.
A perífrase haber + (de) + infinitivo ten tamén valor hipotético: Esa muller ha de andar polos corenta.
Perífrase: ter + que/de + infinitivo
A perífrase ter + que + infinitivo expresa obrigatoriedade:
- Teño que marchar, porque debo abrir ás sete e xa son
A obrigatoriedade que expresa é maior cá doutras perífrases, por exemplo haber + que + infinitivo
Ter + que + infinitivo é unha perífrase que ten un significado de acción pendente de cumprimento obrigatorio. Na fala é moi común esta perífrase, pero na lingua literaria é máis usual ter + de + infinitivo: A primeira ter + que, expresa un deber xeral e a segunda, ter + de, contén un matiz de acción por cumprir obrigatorio
- Teño que facer a comida antes das dúas
- Teño de ir a Vigo para ver o mar antes de morrer
dar + participio é unha das perífrases máis características do galego. Equivale á
perífrase ser capaz de. O seu valor é o de atribuírlle ao suxeito a capacidade para
realizar a acción expresada polo verbo auxiliado. É, sobre todo, frecuente en oracións
negativas ou interrogativas:
- Estás a facer tanto e non dás feito
- Se dan acabado o traballo axiña imos ao cine
- Se non apuro non vou dar chegado a tempo
- ¡Non vou dar rematado o traballo se me segues dando a lata!
Perífrase: haber (en pasado) + (de) + infinitivo
A perífrase haber (en pasado) + (de) + infinitivo coas formas do
pretérito (houben, houbera, houbese) indica unha acción que estivo a
piques de realizarse pero non se realizou:
- Houben caer por causa do raio
- Houbo de aprobar o exame
- Houbesen de chegar máis cedo se viñeran no coche
- Houben mercar a casa se tivera os cartos
Perífrase: poder + infinitivo
A perífrase poder + infinitivo constitúe unha perífrase verbal cando
presenta a acción cun sentido de probabilidade, de hipótese, é dicir, cando
xa non ten o significado primario do verbo poder. Alterna coas outras
perífrases hipotéticas deber (de) + infinitivo e haber (de) + infinitivo
- O traballo pode facerse en 2 días
- Esta noite podería vir velo
- Ese coche pode costar uns cinco millóns
- Quen puidera namorala, meu amigo
As perífrases estar + xerundio = estar + a + infinitivo son as máis
características das perífrases imperfectivas. Ámbalas dúas teñen o mesmo valor,
pois o infinitivo pode ter, precedido da preposición a, valor xerundial.
- Ela sempre está a enredar = Ela sempre está enredando
- Cando viñeron os meus amigos eu estaba a maquillarme (=estaba maquillándome)
- Non sei o que estades a facer no faiado (=estades facendo)
Perífrase: andar + xerundio
Na perífrase andar + xerundio = andar + a + infinitivo o verbo andar indica un movemento continuado, por iso as construcións con andar presentan un valor de acción imperfecta case reiterativa, moi prolongada no tempo. Andar + xerundio é equivalente a andar + a + infinitivo.
- Andaba fedellando no coche e non daba reparado a avaría (= andaba a fedellar)
- Anda a amañar a televisión e non dá feito (= anda amañando)
Perífrase: botar(se) + a + infinitivo
A perífrase botar(se) + a + infinitivo indica o comezo dunha acción:
- Iria botouse a chorar no medio da película.
- Para volver á costa botaron a funcionar o motor da barca.
- Carlos botou a correr cando escoitou o estoupido.
Perífrase: estar a/para infinitivo
A perífrase estar + a/para + infinitivo indica unha acción a piques de suceder:
- Está para saír a nova novela de Manolo Rivas
- Estivera a morrer por culpa dunhas ostras
- Estivo para casar con aquel langrán
- Carlos estivo para emigrar pero atopou choio aquí
Véxase tamén