Pere Joan foi un escultorcatalán do século XV. Nado arredor de 1398, era fillo de Jordi de Déu, grego de Mesina, antigo escravo de Jaume Cascalls, escultor catalán do século XIV. As derradeiras noticias sobre Pere Joan son de 1458 polo que se supón que falecería pouco despois dese ano.
Primeiros traballos
Iniciouse na arte escultórica moi novo, moi probabelmente co seu pai. Con menos de vinte anos de idade aparecen xa documentadas as súas primeiras obras en solitario: unha clave de bóveda na nave central da catedral de Barcelona, que representa un Cristo na gloria circundado de anxos (1418) e mais na fachada leste do Pazo da Generalitat de Cataluña, na rúa do Bisbe. Aquí realizou o medallón de Sant Jordi (1416-1418). Fixo tamén as gárgolas da fachada gótica da Casa da Cidade. O seu virtuosismo artístico inscríbese dentro dos parámetros do gótico internacional. Cara a 1425 atópase traballando na catedral de Xirona.
Pere Joan ten sido acusado de pesadez e falta de imaxinación á hora de plasmar sentimentos nas figuras humanas, mais lóuvase a súa capacidade plástica e paisaxística.