Peole, tamén denominado Péole e PEOLE (acrónimo de Preliminaire EOLE) foi un satélite artificial francés lanzado o 12 de decembro de 1970 mediante un foguete Diamant B desde o Centro Espacial de Kourou, na Güiana Francesa.[2][5][6]
Características
Peole foi o primeiro satélite de comunicacións experimental francés e o primeiro lanzado polo CNES desde o Centro Espacial de Kourou. Foi inxectado nunha órbita inicial case ecuatorial de 230 km de apoxeo e 222 km de perixeo, cun período orbital de 89 minutos e 15,0 graos de inclinación orbital.[3]
A misión de Peole foi principalmente servir de proba como precursor para o satélite EOLE, establecendo a factibilidade de recoller datos e telemetría de globos meteorolóxicos movéndose libremente pola atmosfera arredor do mundo.[1][2][5][6]
Entre outros sistemas, Peole probou un sistema de estabilización mediante gradente gravitatorio e os sistemas de adquisición de datos dos globos meteorolóxicos. Adicionalmente os paneis solares do satélite foron usados para probar os efectos da radiación espacial en células solares de sulfuro de cadmio e teluro de cadmio.[1][2][5][6]
Peole tiña forma de octaedro regular con 70 cm de distancia entre esquinas opostas e 55 cm de alto, con oito paneis solares que sumaban un total de 5920 células solares e que emerxían do corpo do satélite nun ángulo de 45 graos tras despregarse posteriormente á inserción orbital. O receptor de comandos de a bordo funcionaba a unha frecuencia de 136,350 MHz cunha potencia de 1 vatio. As probas de recepción de datos meteorolóxicos fixéronse a través dunha antena do satélite que apuntaba a terra e que funcionaba a 400,190 MHz e 4 vatios de potencia.[1][2][5][6]
Peole reentrou na atmosfera terrestre o 16 de xuño de 1980 tras completar a súa misión con éxito.[1]
Notas
- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 N2YO (2011). Real Time Satellite Tracking, ed. "PEOLE" (en inglés). Consultado o 24 de xaneiro de 2016.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 NASA (26 de agosto de 2014). "PEOLE 1" (en inglés). Consultado o 24 de xaneiro de 2016.
- ↑ 3,0 3,1 "Note verbale dated 28 January 2004 from the Permanent Mission of France to the United Nations (Vienna) addressed to the Secretary-General" (PDF) (04-51402). 2 de marzo de 2004: 3. Consultado o 24 de xaneiro de 2016.
- ↑ Claude Lafleur (2010). "Péole" (en inglés). Consultado o 24 de xaneiro de 2016.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 Gunter Dirk Krebs (2016). Gunter's Space Page, ed. "Péole" (en inglés). Consultado o 24 de xaneiro de 2016.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 Mark Wade (2011). "Peole" (en inglés). Consultado o 24 de xaneiro de 2016.
Véxase tamén
Outros artigos