Para outras páxinas con títulos homónimos véxase:
Penouta.
Penouta é unha aldea do parroquia de Correxais, no concello de Vilamartín de Valdeorras. No ano 2010 tiña 20 habitantes.
Xeografía
Penouta debe o seu nome precisamente ó accidente xeográfico ou xeolóxico no que se asenta. De aí o seu significado: Pena Outa (ou elevada). Está situada nunha volta do río Sil, xusto sobre a súa ribeira sur. Atópase aproximadamente a uns 300 metros sobre o nivel do mar. O xentilicio é penoutés ou penoutesa. Os puntos máis altos, sitúanse no Colado, na Laxe e nas Devesas. O máis baixo é a Veiga. Limita ó sur coa aldea de Correxais, ó leste coa de Arnado, ó oeste coa de Valencia do Sil, e ó norte co río Sil e coa vila da capitalidade municipal.
Chégase ata Penouta pola estrada que une Valencia do Sil no oeste, con Arnado no leste. Tamén se pode acceder a pé por unha pasarela colgante que une as dúas ribeiras do Sil, e Penouta co núcleo de Vilamartín. No pasado, o sistema común de chegar a Vilamartín era o transporte fluvial.
A maiores do río Sil que o bordea, Penouta alberga nas súas delimitacións tres arroios torrenciais: O do Macelo, o das Pías e o de Rescoupín, algúns deles formando fermosas pincheiras e espazos de gran beleza paisaxística. Un cuarto arroio temporal, é o de Río-Seco e Penaponte. Lugar este último formado por unha pena ou rocha con forma de ponte natural, pola que pasa unha das estradas de acceso. Conta tamén esta aldea, con varias fontes de auga subterránea potábel, as fontes do Cano, do Penedo, de Chaudemedas e do Navalleiro.
A fauna local componse de xabarís, zorros, corzos, esquíos, xinetas, lebres, aves comúns (gorrións, perdices, corvos, mouchos, cucos, xílgaros etc), aves rapaces (aguia común), aves zancudas (garza, cegoña), morcego común, anfibios (rás, sapos, salamandra), réptiles (víbora común, lagartas) e acuáticos (peixe, troita, carpas).
A flora propia do lugar componse de árbores de folla caducifolia (castiñeiras, chopos, vimbios e vidueiras, árbores froitais, cerdeiras silvestres, entre outros) e o piñeiro coma árbore perennifolio. A xesta, o toxo, e algúns hérbedos (madroños), son os compoñentes da matogueira.
Algúns dos lugares representativos da aldea son a ponte colgante da Pasarela, o miradoiro nas Valiguadas ou as covas das Palas.
Historia
Pertenceu ós dominios do condado de Ribadavia e estivo baixo a influencia do convento dos Trinitarios de Correxais. A súa economía estivo baseada na agricultura vitivinícola e na gandería bovina.
No século XX viviu unha fonda despoboación por mor da emigración, na primeira metade cara a América (Cuba, o Brasil e a Arxentina), e na segunda metade cara a Europa, principalmente a Suíza. A mediados do século XX chegou a ter escola de seu.
Festas
A festividade local é o luns de Pascua na honra do San Bieito, na capela do mesmo nome. O día propio do santo foi de sempre o día 21 de marzo, que por coincidir noutros tempos antes ou durante a Semana Santa, decidiuse trasladar xusto ó día despois da Semana Santa.
Lugares e parroquias
Lugares de Correxais
Parroquias de Vilamartín de Valdeorras
Véxase tamén
Ligazóns externas