Despois de nacer e comezar a medrar en San Xián dos Carballos (A Devesa)[1], emigra a Cuba (1865) sendo aínda un rapaz atopando un emprego nunha fábrica de tabacos. En Cuba dedicarase a distintos negocios (fábrica de cervexa, frota de transporte e participación noutras actividades industriais[1]), mais principalmente estará relacionado coa industria do tabaco.
No 1870 unha doenza obrígao a volver a Galicia. Recuperado e volto a Cuba, funda a súa primeira fábrica, 'La Meridiana'. Creou varias marcas de cigarros (Balmoral, La Devesa, Flor de los campos de Cuba, El indolico, La Meridiana, Pedro Murias, La Reserva, La Viajera) e aparece entre as marcas máis vendidas de puros habanos en listados de 1904. A súa leira de Vuelta Abajo, en Pinar del Río, tiña 47 000 hectáreas[2], o que dá idea da importancia que acadou o seu negocio. Tras a súa morte, as súas fábricas sufriron diferente sorte. 'La Meridiana', a que fora súa primeira fábrica, fundada na Habana, patroneada xa polos irmáns Díaz, cambiou o seu nome a 'Real fábrica de tabacos El Fin del Mundo'[3].
No ano 1892 a súa fortuna e influencia fixeron posible que tivese a concesión para construír peirao e depósitos en Dimas, que en 1896, xa como concello, e en agradecemento á súa xenerosidade, pasaría a chamarse 'San Pedro Murias'[4] (con posterioridade, volveu chamarse 'Dimas[5]').
Contribuíu á sociedade Naturais de Galicia, fundada na Habana como sostén da emigración. No seu testamento destinou a maioría das súas riquezas á creación da Fundación Agrícola Pedro Murias[6], que deu lugar á Granxa Escola Pedro Murias[7], na súa parroquia natal.
Pedro Murias recibiu unha distinción co motivo do seu 'concurso decisivo á fundación de Dimas ou San Pedro de Murias: 'En graza ós servizos que tiña prestado á clase indixente do pobo en formación', por Real Orde de 4 de novembro de 1897 ingresou na Orde Civil de Beneficencia, honor acreditado por diploma expedido en 19 de xaneiro de 1898 firmado por Segismundo Moret[8].