Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.
A pediculose da cabeza (chamada oficialmente no CIE10pediculose debida a Pediculus humanus capitis[1] e infestación da cabeza debida a piollos), tamén chamada pediculosis capitis,[2] é a infestación dos cabelos e coiro cabeludo polo piollo da cabeza (Pediculus humanus capitis).[3] O seu síntoma máis común é o proído debido ás picaduras que fai o piollo para alimentarse de sangue humano.[4] Durante a primeira infección dunha persoa, o proído pode tardar en aparecer ata seis semanas.[4] Se a persoa é infestada de novo, os síntomas empezan moito máis rapidamente.[4] O proído pode causar problemas para durmir.[5] Porén, xeralmente esta pediculose non é un problema grave.[6] O piollo da cabeza, a diferenza do piollo do corpo, non transmite outras doenzas, polo menos en Europa.[3][5]
O piollo da cabeza transmítese por contacto directo co cabelo doutra persoa infectada.[5] A causa das infestacións polo piollo da cabeza non está relacionada coa falta de hixiene.[4] Outros animais, como cans e gatos non interveñen na transmisión.[5] O piollo da cabeza aliméntase só de sangue humano e só pode sobrevivir no cabelo humano.[3][4] Cando chegan a adultos miden 2 ou 3 mm de longo.[7] Cando non está adherido ao cabelo humano, só pode sobrevifir uns dous ou tres días.[4] Os humanos tamén poden ser infectados polo piollo do corpo e o piollo pato, que orixinan outras variedades de pediculose. Para facer a diagnose , deben encontrarse piollos vivos no pelo.[4] O uso dun peite especial é de grande axuda para a detección.[4] A presenza de ovos (lendias) baleiras non é suficiente para diagnosticar esta pediculose.[4]
Entre os posibles tratamentos están: peitear o pelo frecuentemente cun peite de dentes finos ou afeitar a cabeza completamente, usar varios medicamentos tópicos, como malatión, ivermectina, e dimeticona.[6] A dimeticona, que é un aceite de silicona, ten un baixo risco de efectos secundarios.[6] Os piretroides como a permetrina tamén se teñen usado moito; porén, fixéronse menos efectivos debido á aparición de resistencias.[6] Hai poucas probas sobre a efectividade de medicinas alternativas.[8]
As infestacións polo piollo da cabeza son comúns, especialmente en nenos.[4] En Europa, segundo algunhas estimacións afectan do 1 ao 20% de diferentes grupos de persoas estudados.[3] Nos Estados Unidos entre 6 e 12 millóns de nenos inféstanse cada ano.[5] É máis común en nenas.[4] Suxeriuse que historicamente, a infestación polo piollo da cabeza podía ser beneficiosa, xa que protexía contra o máis perigoso piollo do corpo.[9] Ás veces, as infestacións poden estigmatizar á persoa afectada, sen unha razón lóxica.[4]
Signos e síntomas
A infestación por piollos da cabeza é xeralmente desagradable, pero tipicamente non constitúe unha condición grave.[6] Os síntomas máis comúns son proído na cabeza, que empeora ao avanzar a infestación. A reacción ás picaduras é moi suave, e é moi difícil velas entre os cabelos (poden verse as picaduras na zona da caluga se se apartan os cabelos de persoas con pelo longo, como se ve na foto). É raro que se produza inchamento dos ganglios linfáticos e febre. Rañarse pode causar feridas na pel e infeccións bacterianas.[6]
Transmisión
Os piollo non voan (non teñen ás) e non poden saltar. Andan moi mal sobre superficies planas, pero gabean con rapidez polos pelos. Tampouco nadan nin se enterran na pel.[10] A causa da infestación non está relacionada coa hixiene ou limpeza do cabelo.[4][11] Tampouco está relacionado con ter o cabelo longo nin coa frecuencia con que se cepilla.[12] A forma máis común de transmisión, con gran diferenza, é o contacto directo entre as cabezas, e é máis raro que se produza por contacto con roupas ou obxectos.[13] Pódense resumir as causas de transmisión así:
Contacto directo entre as cabezas dunha persoa e doutra persoa infestada.[4] Os piollos poden moverse rapidamente polos cabelos e pasan dunha cabeza a outra. Esta é a forma normal de transmisión. Para que haxa transmisión debe haber piollos vivos. As lendias non transmiten a infestación dunha persoa a outra, xa que se unha lendia se despega do pelo, xa non pode volver a pegarse a outro pelo, porque non ten o pegamento que segrega a femia no momento da posta (aínda que a presenza de lendias viables adheridas nunha persoa indica nesa persoa unha infestación; pero non se transmite por lendias). Os contactos entre cabezas son frecuentes entre nenos durante os seus xogos e relacións sociais, ou tamén entre familiares e nenos pequenos durante o seu coidado, xogos, apertas etc.
Poñerse roupa infestada, como sombreiros, gorras, bufandas, abrigos, uniformes deportivos, fitas para o cabelo etc. Pero, como se dixo, estas deben conter piollos vivos. É unha forma de transmisión pouco común comparada co contacto directo cabeza con cabeza.
Utilizar peites ou toallas infestados. Os peites, cepillos ou toallas que conteñan piollos vivos poden transmitir a pediculose. Pouco común.
Utilizar unha cama, na que están infestados con piollos vivos o colchón, sabas, almofada. Tamén un peluxe ou alfombras que estivesen recentemente en contacto cunha persoa infestada. Tamén compartir armario. Pouco común.
En Etiopía detectouse en certos casos que o piollo da cabeza contiña bacterias causantes do tifo exantemático e da febre das trincheiras, pero non quedou demostrado que o piollo da cabeza as transmitise (o piollo do corpo si pode).[3] En Europa non se detectaron casos similares.[3]
Diagnose
Esta condición diagnostícase cando se encontran piollos vivos no cabelo. Non é suficiente para o diagnóstico atopar ovos baleiros.[4] É útil utilizar unha lupa para examinar os cabelos e o coiro cabeludo ou usar un peite especial para peitear os cabelos. Con frecuencia esta condición é sobrediagnosticada, xa que as manifestacións xa extintas poden tomarse por erro como activas. Como resultado, utilízanse con certa frecuencia tratamentos para matar piollos en nenos non infestados.[14] O uso dun peite especial de dentes finos é a forma máis efectiva de detectar os piollos.[15] Debe prestarse especial atención no exame da área da caluga e preto das orellas. O peite pode despois ser examinado a simple vista ou cunha lupa. Os piollos miden xeralmente 2 ou 3 mm.
A presenza só de lendias, pero non de piollos vivos non é un indicador adecuado dunha infestación activa de piollos. Xeralmente, poden atoparse ovos brancos ou baleiros, cando, en realidade, só os ovos (lendias) pardos conteñen larvas viables. Unha forma de determinar o tipo de lendia é aplastalo entre dúas uñas dos dedos e ver se produce un son característico cando o ovo explota. Os nenos nos que se detectan lendias no seu cabelo teñen unha probabilidade do 35–40% de estar infestados con lendias vivas; o resto teñen lendias non viables.[15][16] Se se detectan piollos nun neno, tamén debería revisarse toda a familia usando o peite, e só os que teñan piollos vivos deberíasn ser tratados. En caso de non se detectaren piollos vivos, o neno debe considerarse negativo para a infestación, o que evita tratamentos innecesarios.[17]
Prevención
O exame da cabeza dos nenos en intervalos regulares usando un peite para piollos permite a diagnose de infestación por piollos en etapas temperás. O diagnóstico temperán fai que o tratamento sexa máis doado e reduce a posibilidade de infestar a outros. Son necesarios exames adicionais se o neno estivo en contacto con individuos infestados ou se se raña con frecuencia na cabeza.
As roupas e obxectos de aseo que estiveron en contacto cun individuo infestado, poden ser desinfectados deixándoos no exterior polo menos dúas semanas ou lavándoos a 60 °C durante 30 minutos.[18] Os piollos adultos poden sobrevivir só uns dous días sen comer sangue e dependen moito da calor corporal humana.[19] Non é necesario tratar con insecticidas a casa ou os mobles.
Tratamento
Hai varios tratamentos efectivos para a pediculose da cabeza. Entre estes métodos están o uso de peites especiais, afeitado da cabeza, pomadas médicas, e a aplicación de aire quente.[20] As pomadas medicinais normalmente requiren dous tratamentos separados unha semana.[6] Ter piollos da cabeza non é xustificación para que os nenos queden en casa sen ir á escola, xa que o risco de transmisión é baixo.[12]
Medidas mecánicas
O afeitado da cabeza pode servir para tratar eficazmente a infestación por estes piollos.[6] O peiteado dos cabelos húmidos varias veces ao día durante unhas poucas semanas pode tamén servir para librarse da infestación na metade dos casos.[6] Isto require o uso dun peite especial con dentes extrafinos.[6] Este método está recomendado en nenos pequenos e mulleres embarazadas.[6]
Aire quente
Outro tratamento é o uso de aire quente aplicado cun secador de pelo.[20]
Medicacións
Hai moitas medicacións que poden matar os piollos. A dimeticona é efectiva entre o 70 e o 97% dos casos e ten poucos efectos secundarios, e é un dos tratamentos preferidos.[6] Funciona por mecanismos físicos e non hai evidencias de resistencias.[3] A ivermectina ten unha efectividade do 80%, pero pode causar irritacións locais na pel. O malatión ten unha efectividade de arredor do 90%, pero hai a posibilidade de toxicidade.[6] Os piretroides como a permetrina, aínda que son moi usados, teñen unha efectividade baixa debido á resistencia que adquiriron os piollos,[6] e a súa efectividade varía do 10 ao 80%, dependendo da poboación estudada.[4][6] As medicacións en locións parecen funcionar mellor que en champú.[6]
Medicina alternativa
Promocionouse o aceite da árbore do té como tratamento para o piollo da cabeza; porén, hai un desacordo sobre a súa efectividade.[21][22][23] Unha "revisión" de 2012 sobre o tratamento do piollo da cabeza recomendaba non usar o aceite da árbore do té cos nenos porque podía causar irritación na pel ou reaccións alérxicas, debido a contraindicacións, e á falta de coñecemento sobre a súa seguridade e grao de efectividade.[24] Outros remedios caseiros como aplicar vinagre, alcohol isopropílico, aceite de oliva, maionesa, ou manteiga fundida baixo unha gorra de ducha, non se recomendan.[8] O CDC dos Estados Unidos afirma que nadar non ten efecto sobre os piollos, e pode facer diminuír a efectividade dalgúns tratamentos.[25]
Medidas no contorno
Despois do tratamento, recoméndase lavar todas as roupas de cama e limpar con aspiradora todas as áreas que puidesen estar en contacto coa cabeza, como cadeiras, carapuchas de abrigos, e sofás, pero isto non sempre é necesario, xa que os piollos adultos morren nuns 2 días se non poden comer sangue, e os piollos acabados de nacer morren en cuestión de minutos separados do seu hóspede.[20] Os peites e cepillos poden ser espiollados fervéndoos en auga durante 5 ou 10 minutos. Outros obxectos poden conxelarse durante 24 horas ben por debaixo de 0 °C para asegurarse de que se forman cristais de xeo nas células do piollo.[26]
Epidemioloxía
"Faltan datos fiables que describan a incidencia usual da infestación no público en xeral, na comunidade escolar media ou durante épocas específicas do ano."
O número de casos de infestacións por pediculose incrementouse en todo o mundo desde mediados da década de 1960, chegando a cifras de centos de millóns de persoas infestadas ao ano.[28] En Europa estudáronse grupos en distintos países e a incidencia variaba segundo os casos entre o 1 e o 20%.[3]
Malia as melloras nos tratamentos médicos e na prevención de enfermidades humanas realizada durante o século XX, a infestación por piollos da cabeza segue sendo moi prevalente. Por exemplo, en 1997, o 80% das escolas elementais norteamericanas informaron de polo menos un gromo de piollos.[29] A infestación de piollos no mesmo período foi máis prevalente que a da varicela.[29]
Hai elevadas taxas de infectación por todo o mundo, incluídos países desenvolvidos como Dinamarca, Suecia, Reino Unido, Francia, Israel, Australia ou os Estados Unidos. Por exemplo, nos Estados Unidos estímase entre 6 e 12 millóns o número de nenos entre os 3 e os 11 anos tratados contra os piollos.[13][17][30]
As nenas teñen unha frecuencia de infestación de 2 a 4 veces maior que os nenos. Os nenos entre 4 e 13 anos son os máis frecuentemente afectados.[31] Outros dan o intervalo entre 3 e 10 anos como o máis afectado.[32] A infestación en persoas de orixe africana é menos común debido á textura do seu pelo.[32][33]
↑Rózsa, L; Apari, P (May 2012). "Why infest the loved ones--inherent human behaviour indicates former mutualism with head lice.". Parasitology139 (6): 696–700. PMID22309598. doi:10.1017/S0031182012000017.
↑ 13,013,1Division of Parasitic Diseases (DPD), National Center for Zoonotic, Vector-Borne, and Enteric Diseases (ZVED) (May 16, 2008). "Head lice fact sheet". Centers for Disease Control and Prevention website. Atlanta, GA: Department of Health and Human Services, US Government. Consultado o 28 May 2010.
↑Pollack RJ, Kiszewski AE, Spielman A; Kiszewski; Spielman (2000). "Overdiagnosis and consequent mismanagement of head louse infestations in North America". The Pediatric Infectious Diseases Journal19 (8): 689–93. PMID10959734. doi:10.1097/00006454-200008000-00003.
↑ 17,017,1Mumcuoglu, Kosta Y.; Barker CS; Burgess IF; Combescot-Lang C; Dagleish RC; Larsen KS; Miller J; Roberts RJ; Taylan-Ozkan A. (2007). "International Guidelines for Effective Control of Head Louse Infestations". Journal of Drugs in Dermatology6 (4): 409–14. PMID17668538.
↑ 20,020,120,2Goates BM, Atkin JS, Wilding KG; et al. (November 2006). "An effective nonchemical treatment for head lice: a lot of hot air". Pediatrics118 (5): 1962–70. PMID17079567. doi:10.1542/peds.2005-1847.
↑Jacobi, Tillmann (22 September 2011). "The Basics – The management of head lice". GP: 38. All in all, the evidence for alternative treatments, such as tea tree oil and neem seed oil, remains weak.
↑Eisenhower, Christine; Farrington, Elizabeth Anne (2012). "Advancements in the Treatment of Head Lice in Pediatrics". Journal of Pediatric Health Care26 (6): 451–61; quiz 462–4. PMID23099312. doi:10.1016/j.pedhc.2012.05.004.