O pecten oculi (peite ocular) ou, simplemente, pecten é unha estrutura xeralmente moi pregada cunha forma que lembra un peite de vasos sanguíneos que pertence á coroide dos ollos das aves, situada na parte media do ollo. É unha estrutura non sensorial pigmentada que se proxecta no humor vítreo desde o punto en que o nervio óptico entra no globo ocular.[1] O pecten crese que nutre a retina e controla o pH do corpo vítreo.[2] O alto nivel de actividade do encimafosfatase alcalina observado no pecten oculi foi ligado ao transporte de moléculas nutrientes desde o altamente vascularizado pecten oculi ao humor vítreo e despois ás células da retina para facilitar a súa nutrición.[3] Está presente en todas as aves e algúns réptiles.[4]
No ollo dos vertebrados, os vasos sanguíneos están situados diante da retina, polo que en parte escurecen a imaxe. O pecten axuda a resolver este problema ao reducir moito o número de vasos sanguíneos sobre a retina e facilitar unha gran agudeza visual en aves como os falcóns.[5] A pigmentación do pecten crese que protexe os vasos sanguíneos dos danos producidos pola luz ultravioleta. A absorción de luz dispersada polos gránulos de melanina do pecten oculi tamén se considera que dá lugar a pequenos incrementos na temperatura do pecten e do ollo; isto pode supoñer un incremento da taxa metabólica para optimizar a fisioloxía do ollo a baixas temperaturas como as que hai en voos a grande altitude.[6] O pecten podería tamén dar sombra á retina protexéndoa da luz cegadora ou axudar a detectar obxectos en movemento.[7]
A estrutura varía segundo a especie de ave e é cónica no kiwi, barbada nas avestruces[8] e pregada na maioría das demais aves.[9]
↑Sinclair, Sandra (1985). How Animals See: Other Visions of Our World. Beckenham, Kent: Croom Helm. ISBN 978-0-7099-3336-6.
↑S G Kiama, J N Maina, J Bhattacharjee, D K Mwangi, R G Macharia, K D Weyrauch. The Morphology of the Pecten Oculi of the Ostrich, Struthio Camelus. Ann Anat. 2006 Nov;188(6):519-28. doi: 10.1016/j.aanat.2006.06.004. PMID 17140144[1]