A obra pódese clasificar como unha comedia. Está baseada na famosa Meiga de Torbeo, parroquia do concello de Ribas de Sil. É unha obra graciosa, enxeñosa e divertida. Nela o indiano Don Pancho, fala un castrapo moi curioso e di unhas cousas con moita graza que os seareiros da cantina escoitan con sorna.[1]
A obra foi levada á escena en 1997 polo Teatro Galileo.[2]
"Ós quince anos de ser escrita esta pequena obra, e volvela a ler, ó autor ocúrrenselle moitas cousas. Atópalle gracia, mais... Como se poría a escribir unha obra de teatro quen tan pouco teatro viu? Pouco, inque cecais bon. Vin moito máis cine. E cecais esta obriña teña certa semellanza cun filme folclórico e humorístico... Si a un escritor galego lle pertuntasen o porqué de preferir o galego, daría moitas contestas. De primeiro, porque lle gosta. E lle gosta... porque... Porque unha vez decatouse que o non escribir, e tamén o non falar en galego, é, cuasemente, unha falta de distinción. Como si lle faltase un reforzo á nosa persoalidade. Somos máis individuados si falamos tamén en galego, que si somentes falamos en castelán... A prudente imaxinación é moito máis creadora que a pantasía. Velehí... Por non ser gratuíta. Toda gran obra literaria está, de algún xeito, comprometida coa realidade."
Fala da paisaxe de Quiroga, conta casos de homes de Quiroga e da lingua que alí se fala etc.
Pauto do demo
Conto escénico en tres cadros
A acción desenvólvese nunha aldea das ribeiras do Sil no tempo da vendima.
Personaxes
O Farón, taberneiro
Lucrecia, a súa muller
A Subela, irmá da Lucrecia
Ramiliño, o tolo, irmán do Farón
Don Pancho
Tiberio
Epifanio
Un músico
O Carrizo
Anduriño
A voz da Meiga
O escribán de Rendar
A voz do Crisanto, home da Meiga
A Nisclona, irmá do Crisanto
A voz da Helena
A voz do Rouco, pai da Helena
A voz forte
A voz delgada
Labregos
Xateiros
Arrieiros
Cadro primeiro
Decoración: a cociña da tasca do Farón é unha “cociña económica” de ferro, non de lareira. A Lucrecia anda coas potas. Beben e fuman Don Pancho, Tiberio, o Farón, O Carrizo, Epifanio e un músico. É pola noitiña, “máis lusque que fusque”.
Don Pancho é un señorito dun cincuenta e cinco anos que viviu en América. Tiberio é un mozo novo con buratos na pucha. O Carrizo é un home pequecho duns corenta anos. O Farón e o Epifanio son homes xa patróns.
Na conversa o Tiberio quere emigrar, a Guinea, que está de moda. Fálase das Américas e de Guinea, dos moitos perigos que hai, todo esaxerado e con pouco coñecemento. Don Pancho fala en castelán.
Entra o rapaz Anduriño co recado para o señorito de que o foi buscar o señorito de Pacio Vello. Tamén conta que está para morrer a meiga de Torgán. Don Pancho quéixase do atrasada que está aquí a medicina comparada coas Américas. Chega a Subela contando máis do asunto da Meiga. Xa no leito de morte está a traspasar a súa ciencia (o espírito dun médico da Coruña, que é o que fai as curacións) por dez mil reais a unha filla do Rouco, fará o documento o escribán de Rendar. Algúns desconfían da honradez do escribán e se todo non será unha estafa para lle sacar os cartos ao Rouco. Cóntase de como curaba a Meiga, dun caso en que conseguiu que a doente vomitase dicíndolle que tomara leite dunha veciña parida.
Marchan parte deles e don Pancho paga todo o gasto. Aínda así critícano por falar de xeito tan diferente, iso é darse aires. Escóitanse as gargalladas do Ramiliño, que está tolo. Chega o Píndaro e conta que noutra cantina da Meiga está reunida a xente, que a Meiga entrou nos infernos e queren saber a quen viu. Deciden ir alá. O Ramiliño fala coa súa sombra, lembra cando se viu coa Heleniña e non quere que se meta a meiga.
Cadro segundo
Decoración: na casa da Meiga de Torgán.
A cociña é moi similar á do primeiro cadro. A taberneira é a Nisclona, irmá do Crisanto. Nunha mesa están o Farón, o Carrizo, A Lucrecia, Epifanio, a Subela, o músico, o Píndaro, acabados de chegar. Noutras mesas arrieiros, xateiros e labregos. Figúrase que no andar de arriba están a Meiga, o Crisanto, dúas testemuñas, o Rouco e a súa filla Heleniña. Despois chega o escribán. Desde abaixo escóitanse moi ben as falas dos de arriba.
Hai moito barullo e xente na taberna. A taberneira serve entre insultos. Escóitase contar á Meiga como viu ao secretario de Larouco discutir co demo no inferno. O Farón segue crendo que a Meiga ten pauto co demo. Entra o escribán e a Meiga empeza o traspaso do espírito de don Nicolás á Heleniña entre dores e dicires. Escóitase o escribán ler o documento do traspaso polo que cobra mil reais. A Meiga pide queimada. Os de abaixo comentan os feitos e quéixanse do viño que é moi malo. Tamén que a Meiga tivo tratos co grande Godallo. Segue a lectura do documento por parte do escribán. Escóitanse golpes e ouvea un lobo. Todos collen medo. A Heleniña berra de que a leva o demo, os golpes continúan. Todos pensan que é o demo, mesmo a Meiga que chama por el. A xente foxe arrepiada dicindo que cheira a xofre.
Cadro terceiro
(Moi breve)
A mesma decoración que o primeiro.
A cociña está baleira, entra Ramiliño, trae un bombo, uns cornos de godallo e un foco, fala coa súa sombra. Está todo contento porque a Heleniña xa non será meiga e conta como montou todo o barullo imitando o godallo e como todos o creron e fuxiron a fume de carozo. Volven a Lucrecia, o Epifanio, o Farón, a Subela... comentan os feitos, os medos e como escaparon. O Farón conclúe: Pauto do Demo! E estoura a gargallada do tolo.