Ana Patricia Torres Madureira, nada en Caracas o 2 de setembro de 1984, é unha xornalista e política galega do PPdeG.
Traxectoria
Licenciada en Xornalismo coa especialidade de Audiovisual pola Universidade de Santiago de Compostela. Traballou na Cadena SER en Ourense, Faro de Vigo, a produtora de La Región e a Televisión de Galicia. Nas eleccións municipais de 2011 foi elixida concelleira de Boborás polo PPdeG na candidatura encabezada por Cipriano Caamaño, e foi concelleira de Cultura, Turismo, Deporte e Xuventude. Nas municipais de 2011 volveu ser elixida concelleira e foi responsable de Cultura, Turismo, Deporte, Educación, Xuventude e portavoz. É deputada provincial de Cultura e Proxectos Audiovisuais dende 2015.[1] Nas municipais de 2019 encabezou a candidatura do PPdeG que obtivo a maioría absoluta (8 concelleiros de 11), e foi elixida alcaldesa de Boborás. É vicepresidenta da Mancomunidade de Concellos do Carballiño, do Xeodestino Ribeiro-O Carballiño e da Asociación Ruta do Viño do Ribeiro. Tamén é presidenta da Fundación Antón Losada Diéguez. Nas municipais de 2023 volveu encabezar a candidatura do PPdeG e volveu ser elixida alcaldesa con maioría absoluta (10 concelleiros de 11).[2] Pertence á Xunta Directiva e ao Comité Executivo do Partido Popular de Ourense dende 2015, no que é voceira dende 2021. Tamén forma parte da Xunta Directiva do PP de Galicia.
Tralos comicios municipais de 2023, Torres foi designada tamén como deputada provincial polo PP. Semanas despois, o novo presidente da deputación, Luis Menor, nomeouna voceira popular na entidade[3].
Notas
Véxase tamén
Outros artigos
Ligazóns externas