Segundo a profecías dos oráculos, había causar desasosego na cidade, pois Hécuba, súa nai, tivera un soño no cal vía saír lume das súas pernas; así pois, foi abandonado no monte Ida, mais aleitouno unha osa (compárese o caso de Rómulo e Remo, aleitados por unha loba). Logo foi adoptado por un matrimonio e medrou como pastor.
Xuízo de París
Era considerado polos deuses o home máis fermoso do mundo, e por iso o requiriu Hermes, que fora enviado Zeus, para que xulgase quen era a máis fermosa das deusas Atenea, Hera e Afrodita. A vencedora gañaría a mazá de ouro de Eris (deusa da discordia que non fora convidada á voda de Peleu e Tetis, pais de Aquiles; ela botara a mazá da discordia durante a cerimonia, na que figuraba escrito: "Á máis fermosa"). París escolleu a Afrodita, como a máis bela das tres, no xuízo levado a cabo no Monte Ida.
Guerra de Troia
Afrodita, agradecida, prometeulle a París o amor da fermosa Helena. Helena sería seducida por París, que lla roubou ao seu marido, Menelao, rei de Esparta, e marchou con ela a Troia. Isto causou a guerra (Guerra de Troia). Durante ela París matou a Aquiles, pero despois foi morto por Filoctetes, que posuía o arco máxico de Heracles (Hércules).
Na mitoloxía grega, e especialmente na Ilíada, é coñecido tamén polo nome de Alexandre.