Pantín Classic é unha competición de surf que faise tódolos anos dende 1989 na praia de Pantín (ou praia do Rodo)[1] no concello de Valdoviño. O Pantín Classic é a proba máis antiga do surf en España e a cuarta máis antiga do mundo despois da World Surf League (WSL) de Bells Beach (Australia), Virginia Beach (USA) e Lacanau (Francia).[2] Dende 2008 a competición está organizada polo Club Praia de Pantín.
Historia
Nos anos 1980 xa había na zona de Ferrol unha importante afección ao surf e ás súas variantes. Estes afeccionados recibían un importante pulo tódolos veráns coa visita de turistas estranxeiros que se achegaban ata as costas de Ferrol seguindo a liña de costa do norte de España. As praias de Doniños, San Xurxo, A Frouxeira e Covas eran coñecidas fóra de Galiza. Aínda sendo un deporte elitista e limitado a estamentos sociais moi concretos o surf gañou en difusión. En decembro de 1987 o grupo de afeccionados formado por Vicente Irisarri (que sería alcalde de Ferrol), Carlos Bremón, Gonzalo Barro, Carmen Aguilar e Fernando Montalvo crean o Océano Surf Club, o primeiro club de surf de Galiza[3]. Co apoio e os contactos axeitados foron quen de poñer en marcha unha competición de surf aproveitando o final do verán e que ás costas achegábanse surfeiros de toda Europa. O lugar elixido foi a praia de Pantín en Valdoviño. Un areal de mar aberto afastado da especulación urbanística e case virxe. A nova iniciativa, a praia de Pantín está a 20 km do centro de Ferrol, completouse cunha intelixente promoción. Durante o verán uns chamativos carteis con imaxes de surf podíanse ver nas tendas de material deportivo de Ferrol.