Pandulfo III de Salerno|
Nacemento | século XI Italia |
---|
Morte | 1052 (Gregoriano) |
---|
|
Ocupación | aristócrata |
---|
Pandulfo III de Salerno foi, por poucos días en 1052, un príncipe longobardo de Salerno.
Puxérono no trono os cuñados do príncipe Guaimaro IV, tras o seu asasinato nunha conxura, coa axuda dos amalfitanos, o 3 de xuño de 1052. Instigado polos seus mesmos "electores", Pandulfo e os seus secuaces botáronse a cazar os familiares do seu predecesor, que se refuxiaran no Castelo de Arechi. Tras atopalos e facer que se rendesen, matádoos ou mandándoos á cadea, deu inicio á xestión do poder.
Pero, a causa da súa impopularidade, Pandulfo tivo de súpeto os días contados. De feito o conde Guido, un dos fillos de Guaimaro, que deu fuxido por milagre do masacre, correra a se refuxiar onda os normandos Umfredo de Puglia e Ricardo de Aversa; con eles volveu aos poucos días onda os muros de Salerno, e algúns cidadáns abríronlles as portas da cidade na noite entre o 11 e o 12 de xuño.
Pandulfo III e os seus familiares refuxiáronse á súa vez no castelo, do que saíron tras teren parlamentado con Guido que, unha vez retomado o control da cidade, lles prometera a salvación a cambio da súa inmediata partida, e a liberación de Xisulfo, fillo do predecesor; pero os normandos, leais a Guaimaro IV mesmo após a morte, non foron da mesma opinión: mataron inmediatamente a Pandolfo xunto con trinta e seis conxurados, tantos como cantas foron as coiteladas que atoparon no corpo de Guaimaro. No trono de Salerno subiu Xisulfo II.