O Pallacanestro Varese, tamén coñecido por motivos de patrocinio como Openjobmetis Varese, é un equipo de baloncestoitaliano da localidade de Varese, na Lombardía. Fundado en 1946, é xunto co Olimpia Milano e o Virtus Bologna o equipo italiano con máis títulos. Durante os anos 1960 e 1970 foi considerado o mellor equipo de Europa e un dos mellores do mundo, sendo durante estes anos cando acadou a meirande parte dos seus títulos. Durante aqueles anos, ademais de múltiples e variados títulos, fixo algúns récords aínda non superados: disputou 10 finais consecutivas da Copa de Europa entre 1970 e 1979, e estivo 13 anos imbatido en competicións europeas, colleitando 46 vitorias consecutivas entre o 10 de marzo de 1965 e o 25 de xaneiro de 1978. A pesar de que o seu nome oficial é Pallacanestro Varese, pasou á historia con nomes como Ignis Varese ou o Mobilgirgi Varese, apelativos comerciais que lle deron as empresas que o patrocinaban nas décadas de 1960 e 1970.
Historia
O baloncesto introduciuse na cidade lomabarda de Varese no ano 1945 coa fundación do Pallacanestro Varese. Os primeiros patrocinadores do equipo chegarían en 1954, oito anos máis tarde, incluídos Storm e Ignis, seguidos de Emerson, Turisanda, Cagiva, Star, Ciaocrem, Divarese, Ranger, Metis, Whirlpool, Cimberio e o máis recente, OpenjobMetis. Curiosamente, a mediados dos anos 1990, ante a falta de patrocinador o equipo escolleu o seu propio nome: os Varese Roosters. Desde a súa creación, o Pallancanestro Varese gañou 10 campionatos de Liga: 1961, 1964, 1969, 1970, 1971, 1973, 1974, 1977, 1978 e, o último título gañado 21 anos despois, en 1999. Con 10 scudetti, o Varese é o terceiro equipo con máis trofeos da historia da liga italiana, tan só despois do Olimpia Milano e a Virtus Bologna.
Como se demostra polo seu palmarés, o Varese foi un equipo extremadamente competitivo na década de 1970. É nese época onde o equipo chega a xogar dez finais consecutivas da Euroliga, conseguindo gañar cinco: 1970, 1972, 1973, 1975 e 1976. Porén, esta idade de ouro comezou uns anos antes, xusto no momento en que Varese gaña a Copa Intercontinental de 1966, título que repetiría catro e sete anos despois (1970 e 1973). Alén disto, tamén gañou dúas Recopas, anos 1967 e 1980, e catro Copas de Italia en 1969, 1970, 1971 e 1973. Por todo isto, o Varese é un dos poucos equipo en ter a honra de posuír a Tripla Coroa, é dicir gañar a Liga, a Copa e a Euroliga no mesmo ano. Isto sucedeu nos anos 1970 e en 1973, neste último ano baixo o mando do lendario Aca Nikolić.
A era dourada do Varese terminou a comezos dos anos noventa cando o equipo descendeu á segunda división. Porén, o club regresaría rapidamente á máxima categoría onde, despois de cinco anos caendo en primeira ou segunda rolda de playoffs, logra gañar o seu histórico décimo título en 1999, o cal dá ao equipo a estrela que porta na súa camisola de xogo. Ese último título de Liga foi conseguido grazas á dirección desde o banco do adestrador da selección italiana Carlo Recalcati. Desde ese ano o Varese non volve a gañar ningún título, aínda que adoita estar sempre entre os equipos punteiros do país.